Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz convocará pleno extraordinario para o día 21 deste mes para aprobar o proxecto definitivo de remodelación da Rúa Álvaro Cunqueiro e iniciar o proceso para a contratación da obra

Foz, 10 de novembro de 2017. O alcalde de Foz convocará pleno extraordinario da corporación municipal para o día 21 deste mes, martes, para aprobar o proxecto definitivo de remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro, e iniciar o proceso para a contratación da obra. O anteproxecto xa foi aprobado polo pleno. O obxectivo é que os traballos comecen a principios do vindeiro ano 2018.
Javier Castiñeira anunciou hoxe que “o Concello de Foz inicia xa oficialmente os trámites para a contratación da obra da avenida de Álvaro Cunqueiro coa convocatoria dun pleno extraordinario no que a corporación deberá aprobar o proxecto de execución que foi presentado a semana pasada e que está informado polo técnico municipal”.
O rexedor salienta que “é unha obra dunha envergadura económica importante e será o pleno o que siga o procedemento de contratación; para elo necesita dunha aprobación do proxecto por parte da corporación municipal e precisa da aprobación dos pregos e o inicio da súa publicación para recibir ofertas. Posteriormente convocarase a mesa de contratación, na que estarán representados todos os grupos, e a partir de aí trataremos de resolver a contratación o antes posible para que a obra poida comezar a primeiros do ano que vén”.
O alcalde de Foz lembra que “os compromisos con esta obra veñen de moi atrás, da firma dun convenio coa Deputación de Lugo no que se acordou financiala entre a Deputación e o Concello de Foz, 700.000 euros a Deputación e 605.000 o Concello de Foz. Ven xa dunha publicación do que era o anteproxecto, na que houbo unha información ao público e se resolveron no seu momento as alegacións que había a dito proxecto, que foi aprobado polo pleno. E agora, recibido xa o proxecto definitivo, o próximo luns presentaráselle á ACIA, como se fixo coa avenida da Mariña. Vai moi similar ao que xa falamos con anterioridade, adaptando as obras ao que máis lle interesa agora mesmo ao Concello”.
Castiñeira móstrase “contento de que se inicie este proceso, que vai estar velado polo pleno e pola mesa de contratación na que participarán todos os grupos. Esperemos que no ano 2018, seguramente entre a primeira metade e finais do mes de setembro, poidamos estar xa disfrutando da totalidade da obra, que é o obxectivo de todos. Visto o resultado da avenida da Mariña eu creo que todo o mundo está desexando que se inicien as obras de Álvaro Cunqueiro e con elo completar a reforma integral do núcleo urbano do concello de Foz”.

Exit mobile version