Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde levará ao vindeiro pleno ordinario unha proposta para pedirlle a fomento a mellora da N-642 entre Ribadeo e Porto, na que durante 30 anos o único que se fixo “foi reparar fochancas”

20171120_164153Ribadeo, 20 de novembro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, levará unha proposta ao vindeiro pleno ordinario para pedirlle á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia a dotación dunha partida orzamentaria no ano 2018 destinada a darlle unha capa integral de rodaxe con aglomerado asfáltico á N-642, no treito comprendido entre Ribadeo e Porto. O rexedor subliña que o único que se fixo nos últimos 30 anos foi eliminar fochancas e parchear este importante viario que se atopa nunha situación deplorable.
Fernando Suárez explicou que “queremos levar esta proposición ao próximo pleno da Corporación para que se manifeste no senso de demandarlle ao Ministerio de Fomento que neste ano 2018, ten que dotar dunha partida necesaria para dar unha nova capa integral de rodaxe con aglomerado asfáltico á estrada N-642, e non soamente reparación das fochancas que é o que ven facendo ao longo destes últimos trinta anos”.
O rexedor salientou que “hai que ter en conta que a N-642 entre Porto e Ribadeo vila, é unha infraestrutura moi utilizada para sacar o tráfico da Mariña polo interior da provincia, e tamén é un punto de encontro de moito tráfico que ven de Asturias”.
Para Suárez Barcia “o estado deplorable no que se atopa fai que teña un risco para multitude de usuarios, e non soamente para os de vehículos de catro rodas, senón de xeito tamén moi importante para os motoristas e especialmente de xeito exponencial para os ciclistas dado a cantidade de grixo solto, as beiravías absolutamente sucias e cheas de grixo, que fai que o día menos pensado teñamos un accidente con consecuencias fatais”.
O alcalde ribadense manifestou: “hai que ter en conta que nestes últimos trinta anos non tivo outro tratamento máis aló de remendos”.
Fernando Suárez engadiu que “chama a atención que outro treito onde continúa esta N-642, é dicir a N-640 que vai por Porto, Trabada, A Pontenova e Meira, esa si tivo actuacións integrais que son as que pedimos agora nesta parte ao seu paso por Ribadeo. E queremos que a Corporación se pronuncie para demandarlle ao Ministerio de Fomento esta solución que non pode admitir máis demoras”.

Exit mobile version