
Barreiros, 17 de novembro de 2017. O grupo municipal do BNG en Barreiros vén de presentar unha moción na que recollen as vellas demandas dos veciños e veciñas da zona sur do concello, especialmente dos da parroquia de San Xusto que ano tras ano viñan demandando o arranxo, asfaltado e limpeza de gavias da estrada provincial LU-P-0609. Para o BNG esta estrada é de vital importancia para a zona interior do concello, posto que comunica as poboacións de Vilamar, San Xusto, Gondán, e A Rilleira, polo que os nacionalistas agardan que toda a corporación municipal se pronuncie favorablemente e unánimemente diante desta proposta.
Esta demanda veciñal foi tamén unha constante reivindicación dos nacionalistas, proposta xa en mais dunha ocasión tanto a nivel municipal como na Deputación de Lugo, tal como recorda o concelleiro e deputado provincial Antonio Veiga.
Neste Plan de estradas da Deputación, dotado con 15.000.000€, e aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos no pasado mes de outubro, ao concello de Barreiros correspóndenlle 230.586,69€, polo que esta é a ocasión para proceder ao tan ansiado arranxo da mencionada estrada, que tén unha lonxitude de 8,5km.