Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela colocará pictogramas nos pavillóns, nos colexios, na casa da cultura, no consistorio ou no centro de atención temperá, entre outros espazos, para facilitar a accesibilidade das persoas que sofren trastornos do espectro do autismo (TEA)

Burela, 3 de novembro de 2017. A Concellería de Servizos Sociais, en colaboración coa Federación de Autismo de Galicia, está a por en marcha un proxecto denominado Accesibilidade para as persoas con autismo no Concello de Burela. O Concello colocará pictogramas nos pavillóns, nos colexios, na Casa da Cultura, na Casa Consistorial ou no Centro de Atención Temperá, entre outros espazos, para facilitar a accesibilidade das persoas que sofren trastornos do espectro do autismo (TEA).
Patricia Otero lembra que “se coñece co nome de autismo a un trastorno do neuro desenvolvemento, e que 1 de cada 150 nenos en idade escolar presenta un trastorno do espectro do autismo, estimándose que en Galicia existen máis de 1.300 casos dos preto de 50.000 que se dan en toda a poboación infantil española. Estas cifras representan só unha pequena porcentaxe da realidade, xa que a elas habería que sumar os pacientes adultos. Autismo Galicia é una Federación que engloba ás Fundacións de pais, nais, de titores e profesionais, protectoras de persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) da Comunidade Autónoma de Galicia”.
A edil burelesa explicou que “os técnicos da Federación de Autismo de Galicia reuníronse en datas recentes comigo e presentaron a proposta de adaptación de aqueles espazos municipais nos que se sitúan centros de atención a persoas con TEA. E hoxe os técnicos desprazáronse ata o noso Concello para revisar os espazos acordados para detectar posibles barreiras cognitivas e elaborar unha proposta de ubicación dos pictogramas. Hoxe visitaron: pavillóns, colexios, Concello, Casa da Cultura e o Centro de Atención Temperá. Non se trata dunha lista pechada de espazos, senón que en función das necesidades e recomendacións dos profesionais este proxecto podería ampliarse a máis locais”.
Patricia Otero agarda que “os pictogramas estean colocados antes de que remate este ano 2017”.
A concelleira de Servizos Sociais contou que “as fases seguintes deste proxecto consistirán na elaboración dos pictogramas, no consenso das propostas e na instalación dos mesmos. Un punto forte das persoas con TEA é que asimilan mellor a información se a ven representada por imaxes, polo que é moito máis sinxelo comunicarse con eles valéndose deste medio. O sistema que mellor se adapta ás súas necesidades son os pictogramas, que son representacións visuais dunha realidade, que pode ser un obxecto, unha acción, un concepto abstracto e mesmo un elemento gramatical. Estes elementos facilitadores conxúganse formando frases con sentido que superan a barreira da linguaxe, xa que son independentes dunha lingua en particular e requiren un menor nivel de abstracción para seren comprendidos”.
Patricia Otero engadiu que “dende a Concellería de Servizos Socias poremos todo o que estea nas nosas mans e traballaremos para mellorar as condicións de vida das persoas con TEA e as súas familias”.

Exit mobile version