O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, e a de Educación, Dolores García Caramés, estiveron supervisando os traballos que se corresponden, nunha primeira fase, coa construción de dous aseos na pranta baixa do edificio, un deles adaptado.
Tal e como explicou o rexedor esta é a primeira fase dunha actuación que ten como finalidade a ampliación da Escola Infantil Municipal, “deste xeito estamos a reestruturar a pranta baixa co fin de crear unha nova aula que estaría emprazada onde están na actualidade os aseos; co que lograremos así incrementar a capacidade do centro en 15 prazas, pasando das 39 que ten na actualidade a 54”.
A construción destes dous novos aseos conta cun orzamento de 13.475 euros, todos eles procedentes de fondos municipais.
O rexedor sinalou que a previsión do Concello de Cervo é poder ter en funcionamento esta nova aula a comezos do vindeiro ano; “co obxectivo de dar resposta ás necesidades e demandas das familias, para contribuír a facilitar a conciliación”.
Villares apuntou que é a segunda vez que incrementamos o número de prazas, e recordou que “case as dobramos no 2015, cando cambiamos de ubicación a Escola, da Zona do Porto de Arriba á Casa do Mar, pasando de 20, ás 38 prazas que hai na actualidade; e agora imos dar ese paso máis co fin de tentar cubrir ao 100% as demandas das familias e que teñan a posibilidade de facer uso das instalacións en función das súas necesidades”.
O rexedor engadiu que a previsión é que a obra dos aseos estea rematada en quince días, e xa a continuación a nosa intención e comezar a traballar na ampliación propiamente dita da Escola Infantil.