Vidal Baamonde destacou que “esta colaboración enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia elaborado polo Goberno da Deputación para aproveitar as potencialidades do entorno vitivinícola co que contamos na Ribeira Sacra, ao tempo que formamos a lucenses a través de profesionais en materia de enoturismo, un sector en alza e constate evolución. Con esta iniciativa queremos mellorar a eficacia na atención aos turistas da nosa provincia e incrementar a competitividade e a rentabilidade da actividade turística con servizos e atención de calidade, todo isto, arredor dun produto autóctono de referencia e calidade como é o viño”.
O Deputado de Turismo agradeceu á APEHL todo o traballo que realiza en defensa e impulso do conxunto do sector turístico da provincia de Lugo e apuntou que “dende o Goberno da Deputación non cesaremos coa actividade conxunta con este colectivo para facer de Lugo un referente turístico no país, aínda que non teñamos competencias directas neste eido”.
5 expertos do sector
A formación foi impartida por 5 profesionais e expertos do sector en marketing, distribución, comunicación, enoloxía e patrimonio. Foron a empresaria e ex directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Patricia Cuevas; o responsable de marketing do Instituto Galego do Viño, Alberto Granada; a psicóloga e experta en coaching, Alba Sáchez; o Director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas; e a responsable da delegación en Lugo, Isabel Lozano.
Durante as 6 xornadas do Curso de Especialización de Enoturismo da APEHL e Deputación, os participantes realizaron actividades teóricas e prácticas para coñecer, promocionar e informar sobre destinos turísticos, adegas e zonas con interese vitivinícola da Ribeira Sacra; así como dominar todo o relacionado co mundo do viño e todas as súas fases.
Máis colaboracións coa APEHL
O Goberno da Deputación destinou este ano un total de 60.000 euros ás actividades que levan a cabo os máis de 800 hostaleiros lucenses que forman parte da APEHL. Con estes fondos, os membros da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo elaboraron para todos os establecementos material informativo sobre a oferta turística e gastronómica da provincia. Por exemplo, salvapratos co mapa da provincia que inclúen códigos QR sobre puntos de interese turística nos Concellos. Tamén celebrou eventos como as xornadas gastronómicas Estase cocendo, dedicada ao cocido; ou Cume Tapas, que afondou sobre os pratos da Ribeira Sacra; así como a promoción exterior da campaña E para comer, Lugo.