Dende o ano 2009 e ata o 2016, o Goberno da Deputación destinou máis de 175.000 euros á posta en marcha deste servizo, conseguindo unha inserción laboral de persoas con enfermidades mentais do 66%. Durante estes oito anos, subscribíronse un total de 348 contratos, dos que 230 remataron coa inserción dos traballadores nas diferentes empresas participantes no programa de Emprego de FEAFES.
Santos Ramos lembrou que “na presente anualidade, o Goberno da Deputación duplicou a achega para esta asociación, investindo 30.000 euros para este programa, co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas con enfermidade mental, pois o desemprego e a marxinación do mundo laboral representa unha das máis importantes desvantaxes sociais que sofre este colectivo”.
Unha das accións máis destacadas do servizo de intermediación laboral é a sensibilización do sector empresarial sobre a contratación de persoas con este tipo de doenzas. Os orientadores da Asociación ofrecen aos empresarios información sobre os incentivos, bonificacións ou deducións fiscais ás que poidan ter dereito, así como información e apoio para facilitar a adaptación inicial e o mantemento das persoas con enfermidade mental no posto de traballo.
López Izquierdo engadiu que “para facilitar o acceso das persoas con este tipo de doenza ao mundo laboral é preciso detectar e crear novas posibilidades no mercado, tendo en conta o descoñecemento e prexuízos existentes na sociedade sobre as capacidades de traballo e produtivas das persoas con este tipo de doenzas”.
Na actualidade, hai 334 persoas con enfermidade mental inscritas como demandantes de emprego na provincia de Lugo, producíndose un incremento de 33 usuarios no ano 2016 e 10 usuarios nos cinco primeiros meses de 2017. A idade dos destinatarios está entre os 18 e 65 anos.
Tras visitar a delegación de FEAFES en Lugo, Santos Ramos, López Izquierdo e González Abelleira desprazáronse ata as instalacións de Urbaser, unha das empresas que participaron no programa de Emprego da Asociación, para manter un encontro cun traballador que accedeu ao posto grazas ao servizo de intermediación laboral financiado polo Goberno da Deputación.
Servizo de Emprego e Formación
O servizo de Emprego e Formación de FEAFES Galicia conta na actualidade con 10 orientadores que atenden a unha bolsa de aproximadamente 2.780 demandantes de emprego. Os destinatarios do programa de intermediación laboral son as persoas con enfermidade mental que se atopan en situación de desemprego e, de forma indirecta, as súas familias, xa que cando unha persoa con discapacidade empeza a traballar, deixa de ser dependente da súa familia.
Perfil dos usuarios
Os usuarios do servizo de inserción laboral son as persoas con enfermidade mental de Galicia que se atopan en situación de desemprego. Este colectivo sofre especiais dificultades para a súa inserción laboral, factores que se poden dividir en tres grandes grupos: dificultades derivadas da propia enfermidade, do prexuízo social e da situación do propio mercado laboral.
O perfil de usuarios do servizo na Delegación de Lugo, ao igual que no resto de provincias, son fundamentalmente persoas con enfermidade mental crónica, preto do cincuenta por cento dos demandantes presentan esquizofrenia. O 60% dos inscritos teñen entre 30 e 50 anos, o seu nivel formativo é baixo, carecen de formación profesional ou se cursaron estudos non exerceron profesionamente.
FEAFES
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro, creada en 1995, que agrupa actualmente a 14 asociacións repartidas por toda a xeografía galega. A misión de FEAFES Galicia consiste en mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias, defender os dereitos do colectivo e representar ao movemento asociativo FEAFES no territorio galego, brindando apoio e coordinación ás asociacións que o integran.