Campos Conde apuntou que agora o proxecto estará en exposición pública durante 15 días e, logo, as empresas poderán presentar as súas ofertas. Cómpre explicar que esta iniciativa está dotada dun total de 2 millóns de euros, dos que o Goberno da Deputación achega 1,3 millóns para as obras e a USC outros 700.000 euros para o equipamento.
Características do proxecto
As obras contemplan a construción, nunha finca de 15.500 metros cadrados da Granxa Gayoso Castro, de dúas naves. Unha con capacidade para 70 vacas produtoras de vacún de leite, que contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación; así como un laboratorio para actividades investigadoras. Tamén se construirá outra nave para acoller a alimentación do gando, silos e un espazo para gardar a maquinaria.
820.000 euros para melloras en estradas
O Presidente informou sobre a adxudicación de obras de mellora de 4 estradas provinciais en Cervantes, Friol e Baralla con case 820.000 euros. “Actuaremos en máis de 15 quilómetros, nos que se mellorará o firme e con aglomerado en quente e se incrementará a sinalización”, explicou. Son as seguintes estradas:
– En Cervantes: acondicionarase con máis de 550.000 euros preto de 10 quilómetros da LU-P-0702. É a estrada que vai de Becerreá a Navia de Suarna, por San Román de Cervantes a Degrada. Actuarase entre os puntos quilométricos 0 e 3 e 17 e 23. Trátase dunha estrada de comunicación fundamental coa zona, pois une San Román de Cervantes con Degrada, pequeno núcleo rural de Cerexido. Atravesa, ademais, por núcleos rurais como As Seixas, Eilarrío, Bolois, Catroventos, Trigais, entre outros.
Tamén neste Concello, se mellorará pouco máis de 1 quilometro da LU-P-1401, que é a estrada que vai da LU-723, por Degrada, pasando por Piornedo, e ao límite provincial. Actuarase, concretamente, do quilómetro 10 ao 11,3.
– En Friol, mellorarase con 129.000 euros un novo treito de 2,5 quilómetros da LU-P-2101. “Con estas actuacións, remataremos coa reforma integral desta vía, que une Friol e Guitiriz a través e Parga; que é o nexo desta zona coa A-6, ademais do principal acceso viario a 10 parroquias e núcleos rurais da zona: Parga, Santa Lacaia de Parga, Seixón, Transmonde, Bra, Carlin, Roimil, Lea, Lamas ou Madelos”, apuntou.
– En Baralla, con 125.000 euros, actuarase en 2,5 quilómetros da LU-0508, que é a estrada que vai da LU-710 á LU-P-0708, unindo os Concellos de Baralla e Becerreá a través de Castrolanzán. Mellorarase o treito comprendido entre os puntos 4,5 e 7.
Axudas de Rali
O Goberno da Deputación aprobou as bases das axudas en réxime de concorrencia competitiva para a pilotos de rali. Son 45.000 euros para unhas 25 bolsas de entre 400 e 7.000 euros. O prazo de solicitude abrirase, previsiblemente, este mesmo mes, unha vez que esta convocatoria se publique na Base Nacional de Subvencións e no BOP. Están dirixidas a pilotos lucenses, federados e que participasen no 2016 nun mínimo de dúas probas organizadas polas federacións nacional ou galega de automobilismo. Teranse en conta á hora da súa concesión criterios obxectivos e sociais, como os palmarés, o ránking oficial e a participación en probas federadas. Valoraranse positivamente as solicitudes de mulleres, mozos de entre 18 e 30 anos e persoas con capacidades diferentes. Con estas axudas poderanse sufragar gastos federativos da actividade competitiva, gastos de inscrición para competicións ou probas oficiais, gastos pola compra ou aluguer do vehículo de competición, gastos de transporte do vehículo e material de competición, así como gastos da adquisición de pneumáticos do vehículo.