Das 55 obras executadas, 18 consistiron na mellora ou dotación de novas traídas de auga en núcleos rurais onde os veciños non tiñan esta prestación ou era insuficiente debido á carga gandeira da zona. O Goberno da Deputación financiou as mesmas con preto de 300.000 euros. Leváronse a cabo en núcleos rurais, cuxa principal actividade é a agrogandeira, de Samos, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Cervantes, Ribeira de Piquín, Cervantes, Becerreá, Bóveda, Lugo, Taboada, A Pontenova ou Quiroga.
Outras 19 obras consistiron na mellora de accesos públicos a vivendas, explotacións gandeiras, montes comunais ou fincas. O Goberno da Deputación investiu nestes traballos preto de 215.000 euros. Con estas obras tamén se busca favorecer a vida no rural e a actividade agrogandeiras. Executáronse en núcleos rurais de Abadín, Quiroga, Sober, Xermade, Castroverde, Mondoñedo, Monterroso, O Incio, Paradela, Navia de Suarna, Baralla ou Triacastela.
As restantes 18 obras consistiron na mellora ou dotación de equipamento de centros sociais tamén de pequenas localidades onde os veciños levan a cabo unha gran actividade de dinamización social do rural. O Goberno da Deputación investiu nestes traballos máis de 180.0000 euros. Executáronse en núcleos rurais de Chantada, Pantón, Alfoz, Castro de Rei, Vilalba, Baralla, O Corgo, Sarria, Riotorto, Quiroga, Taboada, Xermade, Mondoñedo ou Palas de Rei.
Necesidade destas actuacións
O Deputado de Cooperación cos Concellos destacou que “levamos investido 1,5 millóns de euros en 126 obras de mellora de traídas de auga, accesos viarios e centros sociais de núcleos rurais de toda a provincia. A Xunta anunciou que vai a achegar 1 millón de euros no 2017 e 2018 para toda Galicia, que non é suficiente, cando é, ademais, a administración galega coas competencias directas na materia. Dende o Goberno da Deputación queremos achegar novos fondos no Orzamento de 2018 para estes traballos, pois son necesarios para vivir no rural e do rural e os propios veciños os demandan”.