Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP anuncia que a estación de autobuses de Ribadeo será rehabilitada cun investimento de 100.000 euros da Xunta

Ribadeo, 4 de novembro de 2017. O portavoz do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, anuncia que a Xunta de Galicia contempla nos presupostos para o próximo ano unha partida de 100.000 euros para a rehabilitación da estación de autobuses. López Penabad asegura que a administración autonómica leva investido 3 millóns de euros no municipio ribadense no que vai deste ano.
Jesús López Penabad manifestou que “a semana pasada había unha nota de prensa do alcalde de Ribadeo dicindo que ía amañar a avenida Ría de Ribadeo, a entrada por Vilar onde está á área comercial, do cal nos alegramos moito porque cremos que é moi necesario darlle unha entrada digna á vila”.
Para o portavoz do PP no Concello de Ribadeo “deben de estar chegando as eleccións porque empézase polo menos a anunciar obras, a ver se é verdade e se fan. Creo que é necesario, é unha das entradas principais de Ribadeo e é preciso adecentala. Falaban de que ían soterrar as liñas eléctricas que hai por alí, poñer árbores, mellorar as beirarrúas e demais. Poñía 380.000 euros a Deputación e 130.000€ o Concello e dicía que outra vez a Deputación é a que máis inviste en Ribadeo”.
López Penabad dille ao alcalde de Ribadeo que “xa está ben de mentir ou de ocultar a realidade. A Deputación investiu na residencia e inviste periodicamente en Ribadeo, como ten que facer en todos os concellos da provincia de Lugo, e en Ribadeo, coa entidade que ten, supoño que terá que investir un pouco máis, aínda que só sexa por poboación e por necesidades”.
O edil popular di que “a Xunta de Galicia tamén ten obrigación de facelo e investiu no que vai de ano 3 millóns de euros en Ribadeo. E para o exercicio do ano que vén nos orzamentos está contemplado rehabilitar unha obra que se fixera na época na que gobernaba o PP e na que o alcalde era o señor Andina: a estación de autobuses. 100.000 euros veñen para rehabilitación da estación de autobuses, que boa falta lle fai”.
Jesús López Penabad engade que a Xunta de Galicia “tamén destina 244.00 euros para a rehabilitación de vivendas no casco histórico de Ribadeo, polo que é evidente que sigue investindo en Ribadeo”.
O voceiro do PP diríxese ao alcalde: “eu xa sei que vostede pode disfrazalo, pode dicir que son fondos europeos ou o que sexa, pero a realidade é que as cifras non menten; isto está publicado e pódese comprobar perfectamente. Entón cando di que é a Deputación a que máis inviste non é certo, porque a Xunta, da que tanto se queixa vostede, é a que máis inviste en Ribadeo, é a que terá que investir máis, pero faino. Polo tanto a cada un o que lle corresponde”.

Exit mobile version