Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo comeza o vindeiro luns unha rolda de reunións cos veciños en todas as parroquias do municipio

Ribadeo, 3 de novembro de 2017. O Partido Popular de Ribadeo comeza este vindeiro luns, día 6 de novembro, unha rolda de reunións cos veciños en todas as parroquias do municipio. Nestas xuntanzas participarán os concelleiros do PP e o deputado autonómico ribadense Daniel Vega.
O portavoz do PP en Ribadeo, Jesús López Penabad, anunciou hoxe: “desde o Partido Popular de Ribadeo imos empezar unha rolda de visitas ás distintas parroquias do concello para escoitar de primeira man as necesidades, que sabemos que as hai no casco urbano pero tamén nas parroquias. Queremos estar xunto dos nosos veciños, escoitalos de primeira man e que nos transmitan esas demandas e necesidades que teñan. Sempre falan, e con razón, de que só nos acordamos deles en campaña electoral. Estamos no 2017 e cremos que as necesidades hainas todos os anos. Queremos que nos vexan as caras e que nos digan as demandas reais que teñen”.
Jesús López Penabad engadiu que “estas visitas van empezar o vindeiro luns, día 6, e comezaremos en Piñeira, rematando o día 30 de novembro en Remourelle. Iremos tamén a Couxela, Vilaselán, Santalla de Vilausende, Rinlo, Vilaframil, Ove, Vilela, A Rochela, A Devesa, Noceda, Piñeiro, As Anzas, Covelas, Vilamariz, Arante e remataremos en Remourelle o día 30 de novembro”.
O voceiro dos populares en Ribadeo comentou tamén que “con todas estas visitas queremos achegarnos aos veciños, que nos digan de primeira man o que se necesita e nosoutros expoñerlles o traballo que se leva facendo. Iremos o grupo municipal e o deputado que temos en Santiago, Daniel Vega, para expoñer tamén o que alí se fai e o que se realizou nos últimos tempos e para que escoite tamén as demandas e peticións dos veciños”.
A primeira reunión será en Piñeira este vindeiro luns, día 6, ás 20:00 horas. E as seguintes serán en Couxela o día 9, xoves, ás 21:00 horas; en Vilaselán, o día 13 ás 20:30 horas; en Santalla de Vilausende o mesmo día 13 ás 21:30 horas; en Rinlo, o día 14 ás 20:00 horas; en Vilaframil tamén o día 14 pero ás 21:00 horas; en Ove, o día 15 ás 20:00 horas; en Vilela, o mesmo día 15 pero ás 21:00 horas; na Rochela, o día 16 ás 21:00 horas; na Devesa, o día 17 ás 21:00 horas; en Noceda, o día 23 ás 21:00 horas; en Piñeiro, o día 24 ás 21:00 horas; nas Anzas, o día 27 ás 20:00 horas; en Covelas o mesmo día 27 pero ás 21:00 horas; en Vilamariz, o día 28 ás 21:00 horas; en Arante, o día 29 ás 21:00 horas; e en Remourelle, o día 30 ás 21:00 horas.

Exit mobile version