Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo denuncia o estado lamentable do miradoiro cara á ría xunto á n-642 e do ascensor panorámico, que están cheos de todo tipo de residuos

141117 MIRADOR CARA Á RÍA DE RIBADEO XUNTO Á N-642 (1)Ribadeo, 14 de novembro de 2017. O Partido Popular de Ribadeo denuncia o lamentable estado no que se atopan o miradoiro cara á ría de Ribadeo que está xunto á estrada N-642 e o ascensor panorámico do paseo marítimo, que nos dous casos están cheos de residuos de todo tipo.
O concelleiro Chema Suárez manifestou: “dende o Partido Popular de Ribadeo temos que facernos unha vez máis eco do deplorable estado do municipio en xeral, tanto do casco urbano como de fóra. A situación é lamentable e o que estamos vendo é que cada vez vai a peor”.
O edil popular explicou que “o miradoiro que está na estrada de Vegadeo cara á ría, foi unha preciosidade no seu tempo, pero agora xa non o é, incluso alguén colgou un cartel que, perdoando a expresión, pon Cagadoiro-Concello de Ribadeo; e non hai nada máis que baixarse, que é complicado, e efectivamente é o que pon o cartel. Ninguén o limpa, ninguén vai por alí, ninguén pode parar a facer unha foto da ría. Hai restos de papel, excrementos humanos, sucidade, está sen limpar, é lamentable. O mesmo sucede no ascensor panorámico que tamén é un WC ao alcance de calquera, porque tampouco ninguén se preocupa de limpalo”.
Chema Suárez engadiu: “non entendemos como pode ser que ninguén se moleste, que ninguén tome algunha medida, simplemente limpalos, adecentalos. Se hai que pechalos en determinadas épocas que se pechen. Non custaría tanto mandar ao miradoiro a un equipo, limpalo, desinfectalo ben porque aquilo é insalubre total”.
O concelleiro do PP asegura que “como isto está o resto de Ribadeo. Soamente hai que dar un paseo polo pobo para ver como están as beirarrúas, como está a praza de abastos, como está todo. Temos unha hidrolimpadora que custou un montón de cartos. Eu vina funcionar unha vez, non sei exactamente por onde anda. Quedouse de limpar a praza de abastos e a hidrolimpadora non se ve coa asiduidade que tiña que estar polas rúas. Temémonos que, como outras moitas cousas que pasan neste Concello, acabará co tempo olvidada nalgunha esquina, nalgún almacén municipal, e pasará á historia como un gasto máis”.
Chema Suárez subliña que “só lle pedimos aos membros do goberno, que ademais tempo teñen porque hai dedicacións exclusivas e parciais, que alguén se podía ocupar de mover a infraestrutura que temos para adecentar estas cousas. De pouco serve organizar rutas senón as temos preparadas. É lamentable e desde o grupo municipal do Partido Popular non lle vemos moita solución de momento. Vemos que no goberno local hai desgana e penso que ata falta de ideas, pero moita desgana. Están pasando totalmente do tema”.

Exit mobile version