Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 1.400 lucenses maiores e con capacidades diferentes participarán no Movémonos do Goberno da Deputación

DSC_0033Lugo, 8 de novembro de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este venres no Vello Cárcere de Lugo unha nova edición do Movémonos, o programa deportivo, saudable e social que o organismo provincial retoma este mes de outubro no rural lugués. No acto tamén participou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Concelleira de Economía, Ana Prieto, así como representantes de numerosas asociacións que participan nesta programación.

Campos Conde subliñou que “este ano incrementamos o número de participantes, pois debido ao éxito de pasadas edicións do programa, once novas asociacións de toda a provincia decidiron solicitar esta programación. Movémonos está encamiñado a vencer os obstáculos que dificultan a práctica deportiva, promovendo a actividade física moderada en colectivos de distinta índole afincados en concellos lucenses, cuxo acceso á práctica deportiva e aos seus beneficios se atopa limitado”.

93 asociacións de toda a provincia
Un total de 93 asociacións, 28 da zona norte, 49 do centro e 16 do sur da provincia participan neste programa, achegando numerosas actividades deportivas a máis de 1.400 lucenses maiores ou con capacidades diferentes. Movémonos comezará o día 13 de novembro e prolongarase ata xuño de 2018.

Actividades
A metodoloxía de traballo basearase no Enfoque educativo do Construtivismo, o cal concibe a aprendizaxe como resultado dun proceso de construción persoal-colectiva dos novos coñecementos, a partir dos xa existentes e en cooperación cos compañeiros/as e os/as facilitadores/as. As actividades que se ofrecerán son as seguintes:

– Multideporte: Actividade de carácter deportivo multidisciplinar. Esta actividade dá a posibilidade de iniciarse en varios deportes coa finalidade de que se poida escoller o que máis adecúe ás posibilidades e/ou intereses das persoas participantes.

– Ximansia de mantemento: Actividade dirixida que se basea nun conxunto de actividades encamiñadas á conservación e mellora da condición física, alcanzando un estado físico óptimo mediante o desenvolvemento de exercicios físicos de mantemento, tonificación e coordinación de forma xeral.

– Acondicionamento físico e aeróbico: O aeróbic é un tipo de exercicio capaz de estimular a actividade cardiovascular e respiratoria durante un tempo o suficientemente longo, como para producir no noso corpo determinados beneficios como mellorar a saúde, previr enfermidades, mellorar a forma física, incrementar o ritmo metabólico, eliminar graxas de reserva e reducir a tensión.

– Pilates: Traballa a musculatura profunda e superficial unindo aspectos do concepto de actividade física occidental e oriental a través de exercicios dinámicos, control do movemento, fluidez e respiración.

– Actividades para persoas con capacidades diferentes: Actividade física baseada na adaptación da tarefa ás capacidades de cada individuo. Dentro deste tipo de actividade englóbanse todas aquelas modalidades deportivas que se adecúan a persoas con diferentes capacidades, ben porque se realizaron unha serie de adaptacións e/ou modificacións para facilitar a práctica a ese colectivo, ou porque a propia estrutura do deporte permite a súa práctica sen adaptacións relevantes.

– Ximnasia Rítmica: A ximnasia rítmica é unha disciplina que combina elementos de ballet, ximnasia, danza e o uso de diversos aparellos como a corda, o aro, a pelota, as mazas e a cinta.

Exit mobile version