Site icon Crónica3.com A Mariña

Ramiro Fernández fixo unha valoración positiva da xuntanza mantida nas últimas horas co responsable da área de deportes da Deputación. O edil socialista subliñou o compromiso de Pablo Rivera con Burela e co seu deporte

161117 Foto xuntanza Deputación BurelaBurela, 16 de novembro de 2017. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, acompañou ao Burela FS ao encontro mantido co responsable da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, para falar das axudas económicas do organismo provincial aos clubs. O edil socialista tamén aproveitou para expoñerlle as esixencias da Liga Nacional de Fútbol Sala para o pavillón Vista Alegre e outros asuntos relativos ao deporte de Burela. Fernández Rey saíu satisfeito desa xuntanza, e subliñou o compromiso de Pablo Rivera co Concello burelés e cos seus veciños e veciñas.
Ramiro Fernández explicou que “tivemos unha reunión na Deputación Provincial co deputado de Deportes, Pablo Rivera, que viña solicitada desde o Burela FS por mediación do Concello para falar de aspectos que tiñan relación coas axudas económicas que ía recibir o Burela FS e outros temas que eles tiñan interese en contarlle ao delegado”.
O edil dixo que “a reunión foi moi positiva, o Burela FS ten claro o sistema de axudas que vai ter a Deputación Provincial de cara ao ano que ven, que era unha das súas prioridades”.
Fernández Rey contou que “tamén falamos un pouquiño do tema do pavillón polideportivo. Agora mesmo hai unhas esixencias da Liga Nacional de Fútbol Sala que ten que cumprir, e falamos un pouco da implicación que puidera ter a Deputación no caso de ter que facer algunha obra ou incluso de ter que facer un novo pavillón. Neste caso Pablo Rivera mostrou o seu compromiso cos veciños de Burela e co Burela FS”.
O concelleiro de Deportes sinalou que “aproveitei para falar doutros temas de interese para o deporte de Burela, e teño que dicir que vin moi satisfeito desa reunión porque Pablo Rivera segue mantendo o compromiso cos clubs de Burela”.
Ramiro Fernández di que “falamos tamén do Festival Osa do Mar, desde a Concellería de Xuventude, e eu penso que para este ano o compromiso da Deputación Provincial vai ser máis importante que foi o ano pasado”.
O edil burelés quere “agradecer e mostrar satisfacción polo bo entendemento que hai neste caso entre o Concello de Burela e a Deputación Provincial, sobre todo o que a min me atinxe na Área de Deportes, e esperamos poder seguir contando con esa colaboración e esa amabilidade que ten co deporte de Burela a Deputación de Lugo”.

Exit mobile version