Foron actividades moi variadas, entre as que destaca, por exemplo, a cuarta edición do Campus de Empredemento Sostible, co que se ofreceu gratis formación e asesoramento a veciños dispostos a abrir os seus propios negocios en zonas da Reserva. 80 lucenses participaron nesta programación que fomenta o emprego verde.
Celebráronse xornadas informativas sobre asuntos medioambientais que atinxen a este espazo, como o debate sobre o eucalipto, no que uns 20 expertos, investigadores, ecoloxistas, representantes do sector da madeira, e mesmo Concellos, expuxeron as distintas sensibilidades sobre as prácticas forestais na zona. Foi un foro aberto á cidadanía con éxito de asistentes.
Outro dos proxectos estrea do 2017 foi o Life in Commond, que se iniciou logo de captar dende a Deputación 1,4 millóns de euros da Unión Europea. Estase a desenvolver coa colaboración da USC e UDC e coa participación activa de todos os montes en man común existen na Serra do Xistral. Conxuntamente, estanse a definir as prácticas de desenvolvemento sostible. Pola aplicación con éxito das mesmas, concederanse retribucións, como xa se fai noutros países europeos como Francia, sendo a primeira vez que unha institución fai isto en España.
Concienciando dende nenos
A maiores, leváronse ducias de actividades medioambientais, tamén gratuítas e dirixidas a persoas de todas as idades, para sensibilizar e divulgar a riqueza natural de Terras do Miño e pór en coñecemento prácticas de desenvolvemento e aproveitamento sostible. Por exemplo, milleiros de rapaces de entre 8 e 16 anos de toda a provincia participaron nas Semanas da Árbore e da Auga, así como na do Medio Ambiente. Actualmente, estase a programar a celebración de novos xornadas divulgativas abertas aos centros escolares dos 67 Concellos. Ademais, mañá mesmo abrirá a solicitude das 465 prazas para as novas actividades medioambiental do primeiro trimestre do 2018. Este ano, participaron nas mesmas máis de 2.000 lucenses, uns 500 máis que no 2016.
Participación activa
Nas reunións de hoxe, xunto a Fernández Queipo, participaron representantes dos 26 Concellos lucenses de Terras do Miño, das 13 organizacións agrarias, de monte en man común, ecoloxistas, de turismo rural ou de defensa do patrimonio. Trátanse dos representantes aos que o Goberno da Deputación quixo abrir o órgano da Reserva para facelo participativo na procura dun maior éxito na xestión sostible do mesmo.
Terras do Miño
A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira que a UNESCO declarou en Galicia, no ano 2002, e é a máis grande da comunidade autónoma, así como a segunda da Península Ibérica. Ocupa 363.668 hectáreas, o que supón o 39% do territorio da provincia. Neste espazo natural, están incluídos 26 Concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol; O Valadouro; Muras; Alfoz; Mondoñedo; Abadín; Xermade; Vilalba; A Pastoriza; Riotorto; Guitiriz; Cospeito; Meira; Begonte; Rábade; Castro de Rei; Outeiro de Rei; Pol; Lugo; Friol; Castroverde; Guntín; O Corgo; Baralla, O Páramo e Láncara.