Site icon Crónica3.com A Mariña

A arquitecta Alberta Lorenzo recibe o Condado de Pallares, co que colabora o Goberno da Deputación

Lugo, 15 de decembro de 2017. A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, xunto con outras autoridades, entregou este venres no Auditorio de Chantada, o premio da XI edición do Certame de Investigación Condado de Pallares, á autora coruñesa Alberta Lorenzo. Esta convocatoria está organizada pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, cos que colabora o Goberno da Deputación.

García Porto lembrou que o organismo provincial editou as últimas obras gañadoras deste certame, e remarcou “dende o Goberno da Deputación colaboramos con este tipo de iniciativas co fin de fomentar e poñer en valor o estudo da nosa cultura, historia e patrimonio, xa que é unha riqueza que non podemos permitir que desapareza. Por este motivo, é necesaria a implicación de todas as administracións públicas no eido da investigación porque crea un valor engadido na nosa provincia”.

Nesta XI edición a obra gañadora foi “Traslado de tres templos románicos no condado de Pallares”, elaborada pola arquitecta coruñesa Alberta Lorenzo Aspres. O xurado, integrado polos profesores da USC e investigadores Carlos Baliñas Pérez e Gonzalo Francisco Fernández Suárez, e polo tamén investigador e responsable de Publicacións do Museo Provincial de Lugo, Fernando Arribas Arias, adoptou a decisión por unanimidade, destacando a orixinalidade e interese da investigación e calidade do texto e dos elementos gráficos, así como a achega que supón para o coñecemento e posta en valor do patrimonio do antigo Condado de Pallares.

Presa de Belesar
O traballo, que inclúe unha completa documentación tanto literaria como gráfica, e céntrase nos monumentos que tiveron que ser retirados do seu emprazamento orixinario para que non quedaran asolagados cando foi construída a presa de Belesar. A autora, que se formou profesionalmente na Escola Superior da Universidade da Coruña, é doutora polo Programa Arquitectura e Rehabilitación, fixo un máster en Rehabilitación Arquitectónica, levou a cabo varios traballos de investigación sobre patrimonio de Galicia e participou en varios máis. Tamén presentou preto dunha decena de relatorios e cursos, e ten once publicacións.

Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares
O certame de investigación Condado de Pallares, dotado con 3000 euros e a publicación do traballo gañador, está promovido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e colaboran economicamente a Xunta, a Deputación e os concellos de Guntín, Taboada e Chantada, así como Abanca.

Exit mobile version