Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que o xerente de Lugo abandoa os centros de saúde da Mariña

19 decembro 2017. A CIG Saúde A Mariña volve lembrar e denunciar a política destrutiva ao longo destes anos, levada a cabo polo equipo xestor da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte nos Centros de Saúde da Mariña.
CONSULTAS PECHADAS E GRAVE PERDA DE CALIDADE ASISTENCIAL
“A amortización de prazas nos Centros de Saúde, a falla de cobertura das ausencias dos profesionais, a contratación en precario por días e incluso por horas provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial e un aumento do desemprego na comarca”, lembran dende a central sindical.
Segundo as recomendacións que recollían o Plan Mellora de Atención Primaria o cupo máximo que debera asumir cada profesional sería de 1.200 cartillas, e dado o abandono que se está producindo os profesionais vense obrigados a asumir máis ala das 3.000 cartillas.
A central nacionalista describe a modo de exemplo o que está a acontecer en centros de saúde como o de Foz no que o día 7 de decembro só había 3 médicos dos 6 habituais ao que habería que sumar a ausencia da pediatra. Lembrar que neste Centro de Saúde leva pechada unha consulta médica dende o mes de setembro por ausencia do titular.
No Centro de Saúde de Viveiro o luns 11 de decembro de sete consultas médicas que ten o centro en quenda de mañá, catro delas estaban pechadas, ao que teríamos que engadir outra consulta pechada na quenda de tarde máis a ausencia dun pediatra dos dous existentes. Do mesmo xeito atopábanse pechadas dúas consultas de enfermaría, a da traballadora social e a da farmacéutica, implicando esta última o desprazamento dos pacientes de Viveiro ao Centro de Saúde de Burela.
“Hoxe mesmo nos chegaron queixas dende o Centro de Saúde de Ourol pola falta de servizo médico, derivando aos doentes deste Concello cara o xa saturado Centro de Saúde de Viveiro”, afirman.
Para CIG-Saúde é fundamental recuperación dos postos de traballo suprimidos nos últimos anos en todas as categorías sanitarias e non sanitarias para garantir a calidade asistencial, a estabilidade laboral e acabando coa precariedade que presenta o sistema.

DESMANTELAMENTO INTENCIONADO DA SANIDADE
Segundo CIG-Saúde, este é o modelo que o goberno de Feijóo e demais gobernantes do PP promoven e impulsan a través dos seus xestores da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo da destrución de emprego, o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando os seus profesionais co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostible, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública.
Para CIG Saúde A Mariña é fundamental rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio.

Exit mobile version