Site icon Crónica3.com A Mariña

A concellaría de igualdade organiza uns talleres sobre o amor romántico e a violencia de xénero utilizando a música como recurso. Serán impartidos por Laura Viñuela no IES de Ribadeo do 18 ao 21 de decembro

Ribadeo, 15 de decembro de 2017. Do 18 ao 21 de novembro terán lugar no IES de Ribadeo uns talleres sobre o amor romántico e a violencia de xénero utilizando a música como recurso. Están organizados pola Concellaría de Igualdade.
Desde esta delegación municipal explican que “tendo en conta a importancia da prevención en igualdade como mellor antídoto contra as violencias machistas e dentro das actividades programadas para os centros educativos desde a Concellaría de Igualdade desenvolveranse entre o 18 e o 21 de decembro talleres para traballar a violencia de xénero e o amor romántico a través da música”.
E subliñan que “con estes talleres preténdese favorecer a reflexión en torno ás ideas sobre o amor romántico e as relacións de parella, identificar comportamentos indicativos de violencia que se disfrazan de signos de amor e proporcionar ao alumnado algunhas claves para detectar e evitar indicios de violencia de xénero nas relacións sentimentais. Atenderase á forma na que se concibe o amor, as ideas sobre a violencia, as relacións entre os dous conceptos, cómo se aprenden estas ideas, ónde e quén as fai chegar. A música será o instrumento mediante o cal se abordarán as temáticas mencionadas”.
Desde a Concellaría de Igualdade ribadense engaden que “partindo dunha ou varias cancións de amor elixidas polo alumnado, analizarase a letra e o vídeoclip para ver qué tipo de amor se amosa. Reflexionarase sobre as implicacións que este amor ten para cada unha das persoas que conforman a parella, verase en qué se parece o se diferenza do que se considera desexable nunha relación sentimental, estableceranse comparacións entre o que nos din as cancións e as experiencias (persoais ou cercanas) que teña o propio alumnado”.
Os talleres terán nunha duración de 2 horas e participará o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros. Un total de 9 talleres que serán impartidos por Laura Viñuela. Esta muller é fundadora e directora de Espora Consultoría de Género desde 2005. Licenciada en Historia e Ciencias da Música, cursou o Programa de Doutorado de Estudos da Muller da Universidade de Oviedo. Desde entón traballou en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e na igualdade de xénero en campos tan diversos como o emprego, a discapacidade ou as mulleres xoves. É autora do libro Perspectiva de género y música popular: dos nuevos retos para la musicología e profesora habitual dos cursos da Aula de Música Pop-Rock da Universidade de Oviedo, onde ensinou temas como as mulleres no rock e o punk, a relación da música cos movementos políticos e identitarios das lesbianas ou un monográfico sobre Madonna. Nos últimos anos, as súas liñas de traballo céntranse no ámbito da cultura, especialmente na música e outros medios de comunicación, e no amor romántico desde o punto de vista de xénero. É presidenta e fundadora da Asociación Nacional de Consultoría de Género (APCGénero) e membra da Xunta directiva da Asociación Universitaria de Estudos das Mujeres (AUDEM).

Exit mobile version