Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do medio rural rematou as obras da área de reestruturación parcelaria de Frexulfe, no Valadouro

O Valadouro, 26 de decembro de 2017.- A Consellería do Medio Rural completou as obras que viña executando nos últimos meses na rede de camiños secundarios da área de reestruturación parcelaria de Frexulfe, no Valadouro, co que remata todos os traballos que estaban previstos na zona.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que no proceso só restan os trámites administrativos conducentes á entrega dos títulos de propiedade, se ben son laboriosos dado que requiren a revisión íntegra da área.

A concentración beneficia a 180 propietarios e desprégase sobre 118 hectáreas de superficie. Foi preciso construír unha rede de camiños -principais e secundarios- de máis de 8 quilómetros de extensión, 5,4 deles asfaltados e o resto en zahorra. O investimento total alcanza case os 551.000 euros.

Antes de propoñer a reestruturación coexistían nesta área 959 parcelas cunha superficie media de 1.226 metros cadrados, e do proceso resultan 312 fincas cunha superficie media de 3.585 metros cadrados. Isto é, redúcese practicamente á terceira parte o número de fincas pero estas triplican a súa extensión, “co que serán máis doadas de traballar, máis produtivas e máis rendibles para os seus propietarios, xa que permiten abaratar os custos”, apuntou Balseiro.

O delegado puxo de manifesto que “a reestruturación parcelaria redunda nun mellor aproveitamento das terras, e resulta fundamental para que o rural galego sexa unha opción de futuro atractiva para unha mocidade que quere desenvolver proxectos ambiciosos relacionados co sector agrario, gandeiro ou forestal”.

Exit mobile version