Site icon Crónica3.com A Mariña

A Federación de Piragüismo asina un convenio cos clubs lucenses promovido pola Deputación para contratar 7 técnicos

CONVENIOS PIRAGÜISMO(2)Lugo, 15 de decembro de 2017. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, participou este venres na sinatura de convenios entre a Federación Galega de Piragüismo e os sete clubs desta modalidade deportiva da provincia, que tivo lugar no Pazo de San Marcos, e que suporá a contratación de 7 técnicos, un por cada equipo. No acto interviñeron o Presidente da Federación Galega, Alfredo Bea García, e representantes dos sete clubs lucenses: Club Deportivo San Ciprian; Cidade de Lugo; Club Fluvial; Club Kayak de Foz; Club Piragüismo Viveiro; Club Altruan de Ribadeo e Club Montaña Quixós de Monforte de Lemos.

A sinatura destes convenios enmárcase na iniciativa do Goberno Provincial, a petición dos propios clubs da provincia, para o desenvolvemento do Programa de promoción provincial do piragüismo, para o que o Executivo destina de 212.500 euros, divididos en tres anualidades: en 2017 destináronse 42.500 euros; en 2018 serán 85.000 euros, e en 2019 outros 85.000 euros.

Rivera Capón subliñou que “hoxe damos un paso máis no pulo do piragüismo na provincia de Lugo, e facémolo respondendo ás peticións dos propios clubs, pois unha das súas demandas era a contratación de persoal para reforzar o servizo que prestan, engadindo novas tarefas como o seguimento dos resultados competitivos e académicos aos padexeiros da provincia, a través de visitas aos clubs e concentracións, o que sen dúbida redundará no beneficio de todos”.

O persoal técnico encargarase das seguintes funcións:

1. Actividade de promoción nos centros educativos a través da campaña escolar “Deporte Educación” coa finalidade de aumentar a base de usuarios de piragüismo, vinculándoa cos clubs existentes na provincia de Lugo e a creación de novos clubs.

2. Desenvolvemento do programa federado, consistente no asesoramento técnico nos procesos de adestramento aos clubs da provincia de Lugo, realización do control e seguimento destes procesos e dos resultados competitivos e académicos aos padexeiros da provincia a través de visitas aos clubs e concentracións.

3. Desenvolvemento de xornadas técnicas, cursos de formación e toda a acción docente precisa para formar aos técnicos existentes nos clubs.

Esta iniciativa supón un instrumento de colaboración para o impulso deste deporte na provincia de Lugo. Deste xeito, busca achegar o piragüismo á poboación escolar e adulta da provincia de Lugo, mediante o desenvolvemento de actividades específicas e coa posta en común de medios e persoal cualificado.

Cesión da Escola Provincial
Ademais, a Deputación puxo a disposición deste proxecto a Escola de Piragüismo Provincial, para que cumpra a función de plataforma de divulgación e promoción da práctica do piragüismo na provincia e contribúa na captación de futuros padeeiros e na consolidación dos clubs da provincia. Así, serán os propios clubs os que xestionen directamente a escola, situada no entorno de Os Robles.

Exit mobile version