Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de municipios insiste en demandar a área sanitaria propia da Mariña e que o Hospital da Costa teña o carácter de xeral. Nesta loita vai continuar o ente, segundo o seu presidente, Alfredo Llano, que califica de retroceso o acontecido hai uns días no parlamento galego

A Mariña, 13 de decembro de 2017. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, considera que a supresión no Parlamento de Galicia da área sanitaria mariñá suporá un retroceso importante para a sanidade nesta comarca. Llano considera que o Hospital da Costa debería ter carácter xeral e autonomía propia en todos os aspectos.
O presidente da Mancomunidade lembrou este mércores que “hoxe tamén vai haber concentracións na defensa da área sanitaria propia da Mariña, tanto aquí en Burela como supoño que en todos os lugares da Mariña onde haxa un centro sanitario. Aquí no hospital farase unha concentración ás doce e tamén no centro de saúde”.
Alfredo Llano considera que “hai que apoiar estas concentracións xa que o xoves pasado no Consello da Xunta decidiron de forma unitaria suprimir a área sanitaria propia da Mariña. Parécenos moi grave dado que a partires de agora vaise xerar unha inxustiza con respecto á nosa comarca e a outras comarcas. Era un dereito que se tiña gañado, que foi moi difícil de acadar, e agora mesmo dun plumazo se suprime a área sanitaria. Encima, penso que desprezando un pouco o sentir dos mariñas, din que desa maneira garanten por lei que exista un hospital na comarca”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña sinalou que “si se quixera un hospital na comarca como é debido, e que se garantira dunha forma permanente, non faría falta suprimir ningunha área. Sería necesario que este hospital, que agora mesmo é comarcal, tiña que ser un hospital xeral ben dotado, como viña sendo fai tempo, que tiña autonomía en todos os aspectos. Agora se suprimiu esa área, fai pouco tempo se suprimiu xa moita autonomía deste hospital, e consecuentemente tamén se van resentir os centros de saúde”.
Alfredo insistiu en que “nosoutros imos seguir reclamando co espírito de recuperación rápida, imos procurar facer a forza máxima. Dicirlles aos cidadás da Mariña que en canto se puidera habería que recuperar este servizo. Cando se dean as circunstancias se vai recuperar a área sanitaria propia da Mariña. E parécenos que é un retroceso extraordinario nos servizos da nosa comarca que se suprima a área sanitaria”.
Llano subliñou que “hai que ter en conta que nosoutros somos 80.000 habitantes dunha forma estable na nosa comarca, que de verán, en Semana Santa e noutras épocas ven moitisima xente que duplica, e ás veces triplica, a poboación. Xustifícase moi claramente a necesidade dun hospital coas garantías sanitarias totais, e coa categoría como era dun hospital xeral, máis que un hospital comarcal, que é o que hai que defender. Parécenos que este retroceso é non ter en conta as necesidades nin os dereitos dos veciños da comarca da Mariña. Imos seguir reclamando, procurar que isto non retroceda e darlle ánimos a quen teña que defender este tema no Parlamento para que se volvan atrás. Desde logo dar a confianza á xente da Mariña de que en canto se poida recuperaremos a área sanitaria propia da Mariña”.

Exit mobile version