Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta formaliza o contrato do proxecto museográfico da casa reitoral de San Martiño de Mondoñedo

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171228/AnuncioG0164-131217-0001_gl.html ) a formalización do contrato de fabricación e instalación do proxecto expositivo e museográfico para o Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá 58.484,14 euros. Cómpre lembrar que esta actuación se une ás obras contratadas polo departamento de Cultura da Xunta de Galicia para a adecuación da casa reitoral de San Martiño de Mondoñedo, cun investimento de 90.262,94 euros. O importe total do investimento previsto por parte da Consellería, ao abeiro do convenio asinado o pasado ano co Concello de Foz e a Diocese Mondoñedo-Ferrol, para financiar todas as actuacións que permitan a apertura do devandito centro é de 200.000 euros.

O novo Centro de Interpretación vai permitir dotar o concello de Foz e a Mariña de Lugo dun novo recurso cultural que permita difundir e fomentar mellor o senlleiro interese deste conxunto monumental da que é a máis antiga catedral católica de España que se conserva en pé. Tras a colaboración da Consellería, será o Concello quen asuma a xestión deste novo espazo e os custos derivados da súa apertura pública, incorporándoo á oferta de visita pública, de contido cultural e turístico que xa neste momento está a desenvolver na igrexa de San Martiño. Pola súa parte a Diocese accede á instalación deste museo en dependencias da reitoral, así como a ceder pezas para a súa exhibición neste espazo.

Proxecto museográfico
O proxecto museístico exhibirase na planta baixa da reitoral, na metade da planta primeira e na cámara do bispo, no segundo andar. O percorrido comezará, con todo, no exterior, onde se colocarán paneis que expliquen a evolución do templo. Desde alí accederase ao espazo de recepción de visitantes, no que se facilitará a información básica a visitantes, folletos, etc. No interior, a exposición dividirase en sete salas. A primeira e a segunda dedicarase á presentación e primeiros tempos da diocese, unha época que abarca desde o século VI ata mediados do IX, desde a existencia dunha sé “britoniense”, ata a restitución da sede en Mindunieto. A sala terceira destinarase á figura de san Rosendo, un dos personaxes máis influentes na historia altomedieval, e á basílica perdida do século X, incluíndo unha proxección de volume en aramio do edificio.

A basílica románica e os tempos actuais serán os protagonistas nas salas cuarta e quinta. O contido centrarase na construción da basílica románica que comezou o bispo Gonzalo Froilaz e continuou Munio Afonso. Os módulos expositivos que estruturan o discurso xirarán arredor da arquitectura, a escultura, a pintura e as figuras históricas e lendarias da época, como a do Bispo Santo. Finalmente, as salas seis e sete dedicaranse á arquitectura pacega, en concreto á cámara do bispo e a sala abovedada. Nelas exporase, ademais, o “tesouro de San Rosendo”.

As diferentes salas do Centro de Interpretación contarán tamén con paneis informativos, pantallas de vídeo ou furnas, e estarán organizadas arredor dun elemento fixo central, unha caixa de madeira, sobre a que tamén se poderán exhibir pezas.

No referido ao salón de actos, poderase usar como sala de proxección ou sala de exposicións temporais, dado que dispón de medios audiovisuais para ofrecer proxección divulgativa sobre a basílica e a súa historia.

Exit mobile version