Ribadeo, 30 de novembro de 2017.-A Xunta de Galicia lembrou hoxe que os servizos de saneamento e abastecemento de auga son unha competencia exclusivamente municipal e os concellos teñen taxas específicas para dar e garantir o perfecto funcionamento do servizo.
Para o Goberno galego resulta incomprensible que desde a administración local reclamen a asistencia continua da Xunta para desenvolver as competencias locais e achaquen á administración autonómica a responsabilidade de dar un servizo de calidade á súa cidadanía.
A Xunta lembra que, en todo caso, si presta colaboración técnica e económica aos distintos concellos no relativo ás obras hidráulicas que poden ter un maior custe e, nese senso, sinala que se investiu no termo municipal de Ribadeo, desde 2009, obras que superan os 20 millóns de euros, entre elas o novo emisario ou a nova Edar (Estación Depuradora de Augas Residuais)
En todo caso, o Concello de Ribadeo tamén recibe periodicamente outros apoios da Xunta, como pode ser o Fondo de Cooperación Local –con máis de 850.000 euros nos últimos dous anos– que ao non ter carácter finalista o Goberno local pode destinar a aqueles servizos ou obras que estime prioritarias, como pode ser a rede de abastecemento.
O canon de auga da Xunta só se cobra aos abonados do abastecemento municipal e non grava nin o servizo de saneamento, nin o de depuración, nin ningún outro servizo municipal, pois para iso cada concello ten capacidade para establecer taxas específicas, e non a Xunta.