Site icon Crónica3.com A Mariña

Actividade de consumo responsable no IES de Ribadeo

20171204_121635 (Copy)Ribadeo 15-12-17. O luns 11 de decembro, o alumnado de Valores Éticos de 1º ESO participou nun obradoiro dirixido por monitoras de SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL DE GALICIA, que, un ano máis, brindáronse para traballar con nós. A temática elixida foi a do consumo responsable e o comercio xusto, vinculado neste caso ás datas nas que se realizará o proxecto, o Nadal, caracterizado por ser posiblemente o período máis consumista do ano. Co título No Nadal Non te consumas, a actividade pretendía os seguintes OBXECTIVOS:
– Sensibilizar ao alumnado e o profesorado sobre as consecuencias que ten o noso consumo a nivel social e medioambiental. Intentar mostrar as desigualdades e os desequilibrios que crea un modelo de consumo sen límites e sen prantexamentos éticos.
– Concienciar sobre a importancia que ten o papel do consumo na economía e no noso entorno, a nosa responsabilidade como consumidoras/es e a nosa capacidade para incidir no mercado e na sociedade.
– Ofrecer alternativas para un consumo más responsable, xusto, social e ecolóxico: o Comercio Xusto.
As accións a realizar por tanto, son dúas, elaboradas dende dúas metodoloxías diferentes: obradoiros educativos (nos que se define que é o consumo responsable utilizando dinámicas de grupos e xogos de rol para que elas e eles poidan experimentar, interpretar, traballar, os distintos conceptos de consumo responsable), máis unha iniciativa solidaria a realizar no centro, que consiste en que o alumnado, en colaboración co profesorado e co apoio de Solidariedade Internacional de Galicia, “atendan” durante os días previos ás vacacións, no tempo de recreo, un posto informativo e de venda de produtos de Comercio Xusto.
A finalidade será que o alumnado se convirta en axentes multiplicadores da información cara o resto do centro e familias e ofrecer unha alternativa de compra real de cara aos agasallos de Nadal. A través desta iniciativa o alumnado convertirase no protagonista da súa propia acción de educación para o consumo. Ao mesmo tempo e a través da venda dos produtos de comercio xusto, colabora coas cooperativas produtoras dos países do Sur e con Solidariedade Internacional de Galicia.
 
CONSUMO NO NADAL

O que imos vivir na nosa sociedade de consumo durante as vindeiras semanas é tan só a punta do iceberg, quizais a consecuencia máis dramática dun modelo de consumo que nos invita a comprar unha prenda de vestir cada 9 días, que xa está a impoñer un cambio de tempada cada 15, que non contempla ningunha outra lóxica que non sexa a de maximizar os beneficios.
O noso consumo, hoxe, nútrese de condicións laborais que atentan contra a dignidade das persoas, que promoven a “neoescravitude” de moitas sociedades en países xa empobrecidos que ven así comprometida calquera posibilidade de desenvolvemento humano sostible.
O noso consumo, hoxe, ten consecuencias medioambientais irreversibles, un exemplo claro é o ocorrido no Mar de Aral ónde, o cultivo do algodón ten acabado practicamente co que fora o cuarto lago máis grande do mundo.
O noso consumo, hoxe, favorece o mísero desmantelamento dos nosos tecidos produtivos locais e con el as oportunidades de vida de moitas persoas.
O noso consumo, hoxe, ameaza a riqueza que supón a diversidade cultural da vestimenta tradicional. A producción e comercialización masiva dos produtos textis inundan os mercados locais de todo o mundo das mesmas pezas de roupa acabando coas tradicións de uso e elaboración.
O noso consumo, hoxe, concentra os recursos nunhas poucas mans. A obscenidade da riqueza dun home fronte a miseria de millóns de persoas.
Por todo isto, dende Solidariedade Internacional rexeitamos comportamentos empresariais que afecten ao medio ambiente, ás condicións laborais e de saúde de traballadores e traballadoras, á identidade cultural, a unha xusta redistribución dos recursos.
En materia laboal, reivindicamos condicións dignas. O que é xusto para nos é xusto para todo/as e, polo tanto, deben cumprirse uns dereitos laborais mínimos, non os “seus mínimos” senon uns mínimos que permitan levar unha vida que mereza a pena ser vivida. Cumprir co SMI de cada país se este apenas cubre as necesidades básicas non é digno, os accidentes in itinere tamén son accidentes de traballo e a empresa debe por todos os medios para evitalos, un traballador debe entender o que son unhas vacacións e, por suposto ter dereito a elas…
Pedimos aos consumidores que se interesen pola procedencia das prendas. Que pregunten SEMPRE aos dependentes/as das tendas se saben onde e como se fabrican estes produtos que teñen á venda e que omitan comprar se non o ven claro.
Dende Solidariedade Internacional de Galicia, queremos aproveitar este feito para seguir insistindo na importancia das alternativas que, coma o Comercio Xusto, pretenden facer dos nosos actos de consumo, expresións de activismo polo cambio cara un modelo económico ónde, as persoas, sexan o primeiro.
Dende S.I de Galicia van seguir traballando, dende o noso centro imos seguir traballando, dende a nosa vida cotiá… sabemos que non é fácil pero somos moitos e moitas e non podemos deixar de intentalo.

Exit mobile version