Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: De como nacen as leis

O poder lexislativo e aquel que crea as leis e tamén as modifica, o megáfono ou alto falante polo que se fala no nome do “pobo”, o fiel reflexo da “vontade soberana”.

No estado español recae no sistema bicameral: Congreso e Senado, conformando ese enxendro denominado “monarquía parlamentaria”. No país é o Parlamento de Galicia, e así en tantos outros estados ou entes territoriais.

E ecuación é sinxela, nun sistema de democracia representativa os cidadáns manifestan a súa vontade a través das furnas e os representantes electos transmítena nas cortes. O resultado de tan duro proceso de xestación é o que coñecemos por lei.

Andaba un tan enredado en cuestións de índole legal, relacionadas coa realidade do noso tempo que rematou confundindo a lei co dereito. Acabou pensando que todo o que sae das cortes e é publicado no BOE é lexítimo e de obrigado cumprimento.

Así, deste xeito un tanto confuso, tan pouco glamuroso, tan habitual, veu a luz a reforma da Lei de Saúde de Galicia.

O día do alumbramento había névoa e non se vía ben; de feito, case ninguén avistou a nova Lei de Saúde.

Pero non debe admitirse reproche ó respecto, bastante lei había xa polo medio: o indulto dos políticos cataláns, as eleccións de 21 de decembro, uns tipos que – e déixenme por o “presuntamente” diante xa que corre risco de extinción- lle fenderon a cabeza a outro porque non gustaban dos seus tirantes… E como non podía ser doutra forma o infinito debate constitucional.

Total, que a reforma da lei foi aprobada sen moita floritura ou ornamento, como algo irremediable, pero xa se lle prestara atención antes. De feito houbo concentracións e mobilizacións masivas espalladas por todo a xeografía galega.

Amosa así algunha disfunción o sistema de democracia delegada, xa que os nosos representantes sacan leis que rexeitamos e consideramos prexudiciais. Haberá que ver de onde e como nacen as leis.

Así, en modo síntese e para non aburrir, dicir que a reforma da lei de saúde ten dúas liñas de crítica:

– A redución das áreas de xestión sanitaria de 11 a 7, redundando na perda de competencias e falta de medios dos hospitais comarcais.

– O fortalecemento e concentración de medios nos hospitais das capitalidades que conforman as novas Estruturas Organizativas de Xestión Integrada. Isto último din que servirá para facilitar as concesións de servizos a empresas privadas amigas.

Dun xeito ou doutro penso que, recen chegada a reforma da lei galega, e nestes tempos de tanta discusión xurídica, era preciso lembrarse dela e, de paso, volver a revisar todo aquelo da democracia representativa, da legalidade e da lexitimidade.

Exit mobile version