Site icon Crónica3.com A Mariña

“DEPENDENCIA”, por BNG Xove

Vimos de saber que o Concello de Xove se vai acoller ao convenio DOING BUSINESS GALICIA que presentan a Xunta e mais a Federación Galega de Municipios (Fegam). Este plan consiste nuns importantes descontos fiscais para a ocupación de determinados polígonos industriais. As empresas pódense beneficiar de ata o 95% de rebaixa dependendo do emprego que se cree. E parécenos moi ben, claro que si, pero a Xove volven chegar tarde unha vez máis. Hai tempo que no noso municipio non hai iniciativa ningunha e o Goberno local non se move se non é por orde de Feijoo.
Disque, antes, este tipo de actuacións eran “ilegais”. As normas non mudaron, pero agora cambiaron as tornas por arte de maxia. Adoita ser habitual que o PP confunda “legalidade” con “iniciativa” cando lle convén. Pero o malo é que o DOING BUSINESS GALICIA non está pensado para A Mariña, senón que foi concibido para atallar a enorme fuga de empresas que se está a producir cara ao norte de Portugal e, tamén, cara a Marrocos. Supoñemos que esta escandalosa fuga terá a súa orixe na Declaración Unilateral de Dependencia Centralista do noso presidente.
Estes seguen sen enterarse de nada: o que dá primeiro dá dúas veces, como fixeron os nosos irmãos portugueses, e nós xa non chegamos a dar nin de segundos. Un proxecto semellante ao DOING BUSINESS GALICIA poderiamolo ter desenvolvido hai moito tempo no noso concello, tal e como nos cansamos de propoñelo os catro edís do grupo municipal nacionalista. Temos uns cinco millóns de euros de remanente e, se o fixeramos por iniciativa propia cando verdadeiramente podería ter sido efectivo, non nos atopariamos coa competencia doutros polígonos de concellos limítrofes. Agora todos faremos a mesma oferta, ou case, porque para mal de males tanto en Landrove (Viveiro) como en Cuíña (Cervo) teñen parcelas ao dispor das empresas que se queiran acoller ao plan, mentres en Xove seguimos sen terreo dispoñible e agardando pola ampliación do polígono industrial de Camba, que ben seguro que chegará. Seguro que si. Pero outra vez tarde de máis.

Exit mobile version