A rexedora participou esta mañá no acto de presentación do cupón dedicado á tarta de Mondoñedo, ao que asistiu o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello da cidade mariñá.
A Tarta de Mondoñedo protagoniza o cupón da ONCE que se sorteará o xoves 28 de decembro, é dicir, un total de cinco millóns e medio de cupóns da ONCE recordarán por toda España a existencia deste doce.
Durante o acto a rexedora, ademais de agradecer que se acordasen de Mondoñedo, tamén quixo destacar a laboral social que se desenvolve dende a ONCE xunto aos postos de traballo que xeran.
No que respecta á promoción mindoniense, Elena Candia explicou ao delegado territorial da ONCE en Galicia que en Mondoñedo “temos máis recursos que nos identifican, polo que nos gustaría que valorasen a súa inclusión en futuro cupóns”.
Por último, a rexedora tamén tivo palabras de agradecemento para os tres pasteleiros que participaron no acto dos que destacou “o seu traballo e entrega diarios, para elaborar un dos doces que nos promociona, nos identifica e nos representa”.