Site icon Crónica3.com A Mariña

En marcha o 1º centro público en Galicia de despece de carne cinexética, que financiou en solitario con 650.000 euros a Deputación

CENTRO CINEXÉTICO(3)Lugo, 16 de decembro de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Cooperación cos Concellos e Medio Ambiente, ademais de Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, xunto a membros dos cotos de caza e cazadores de toda a provincia, inauguraron este sábado a sala de despece de carne cinexética. É a 1º de carácter público de Galicia, pois construíuna e equipouna a Deputación en solitario cunha achega de 650.000 euros. O Concello da Fonsagrada cedeu ao organismo provincial unha finca na rúa Rodas para situala.

Campos Conde subliñou que “con este proxecto conxunto de Deputación e Concello buscamos impulsar a economía da provincia, contribuíndo á promoción e venda de produtos cinexéticos. A súa posta en marcha xa supuxo a xeración directa de 4 empregos, que son os das persoas que atenden estas instalacións. Cando estea a pleno rendemento, poderanse acadar beneficios de 70.000 euros ao ano, que se reinvestirán nos propios cotos de caza da zona, pois destinaranse a melloras no territorio, como traballos de roza, aperturas de camiños ou zanxas”.

Deste xeito, o Presidente detallou que, cando as instalacións funcionen ao 100% da súa capacidade, poderanse despezar uns 65 animais á semana. Isto significa que, durante os 7 meses de caza ao ano, seráns uns 1.820 exemplares os que se transformarán. Tendo en conta que cada animal ten uns 30 quilos de carne para a venda e que o centro paga 1,3 euros ao quilo, o volume de negocio será superior aos 70.000 euros. Son 4 as persoas contratadas para a prestación deste servizo.

Outro dos aspectos máis importantes desta iniciativa é que os fondos que proveñen da compra dos animais, van directamente á mellorar a actividade dos propios cazadores, a través do propio Coto, que realizará accións puntuais de mellora do territorio: roza, aperturas de camiños, zanxas…

Funcionamento do 1º Centro de Despece público en Galicia
O centro de despece da Fonsagrada está dirixido á comercialización de produtos de caza dos profesionais de diversos cotos da zona. Logo de ter capturado o exemplar, o cazador diríxese ao centro a depositar o animal. Alí, rexístrase o cazador que deixa o produto, así como o Coto ao que pertence. Isto faise porque os pagos pola carne fanse co propio coto, que despois o reinviste na actividade dos cazadores que o integran proporcionalmente ao número de capturas que fagan.

O proceso do despece dura uns 4 días. Os cazadores teñen que depositar o exemplar sen vísceras, con cabeza e con pel. Logo de telo rexistrado, o animal pasa ao depósito no que estará ao redor de 24 horas, ata que os veterinarios da Consellería fagan todas as probas sanitarias precisas para garantir o consumo destes produtos. De seguido, e xa sen pel, comézase co despece da carne en xamóns, paletillas, costela, solombos, chuletas e ragú. Posteriormente, pasase ao envasado en vacío e, por último, pasan ao túnel de conxelado no que estes produtos cárnicos están a -40º entre 24 e 26 horas. Logo deste proceso, os produtos cinexéticos tratados neste centro están listos para a súa comercialización a terceiros.

Prestación do servizo para cotos limítrofes
Esta infraestrutura promovida polos Gobernos municipal e provincial prestará servizo non só ao coto de caza da Fonsagrada, senón tamén aos outros 11 que hai na zona. Tendo en conta que por cada coto hai, de media, uns 200 cazadores, son uns 2.000 os profesionais da caza da contorna que poderán desfrutar deste servizo. Os cotos próximo son, 3 nos Óscos; Negueira de Muñiz; Navia de Suarna; Becerreá; Baleira; Ribeira de Piquín, Meira; e A Pontenova. Tamén os de Grandas de Salime ou San Antolín de Ibias, en Asturias. Estas instalacións están abertas e ao servizo dos cazadores que así o desexen.

Características do centro
O Goberno da Deputación construíu o centro con 300.000 euros. Fíxoo nunha finca de 800 metros cadrados, situada na rúa Rodas, que cedeu o Concello da Fonsagrada. Logo achegou outros 352.000 euros á adquisición e instalación do equipamento especializado para o despece, almacenaxe, conxelado ou embalaxe da carne. O inmoble, que supera os 500 metros cadrados, divídese en dúas plantas de 253 metros cadrados cada unha delas. Na planta baixa conta cos medios necesarios para desenvolver os traballos de despece e no semisótano os do seu posterior tratamento, pois conta con cámaras de conxelación de 25 metros cadrados, de embalaxe de 45 metros cadrados ou dunha zona de venda ao público de 13 metros cadrados.

Exit mobile version