Coma se dunha “peste”se tratara, houbo xente, IGNORANTE e MALVADA, que así lles miraba. Baixo a escusa ridícula de que se apropiaban de todo… os nosos empregos, as nosas mulleres, as nosas rúas, os nosos “Sagrados” costumes, as aulas dos nosos fillos. Nada era suficiente para criminalizalps, “Xentuza, o peor de cada casa, que non ten onde caerse morta”, dicían.
Que pena e que vergoña de persoas (por chamalas algo decente), que incapaces de recoñecer o esforzo e o sacrificio de quen deixaba todo, a cambio dun emprego, en moitos casos precario e mal pago, ENCHÉRONNOS OS PETOS, as arcas da seguridade social e “abrillantaban os zapatos” que nós nos negabamos a limpar.
Os que defendiamos a súa chegada remontabámonos a tempos pasados, cando neste país, millóns de persoas (e non todas co seu contrato legal, como se empeñaban en xustificar) abandonaban a súa casa en busca de ALGO (non algo mellor). Nas Americas e na Europa dos ricos e da Democracia.
Pero a vida, que é caprichosa, deunos unha GRAN LECCIÓN. Agora somos nós, de novo, e sobre todo a nosa PRECIOSA MOCIDADE, a que ten que deixar o seu país e converterse niso, en ESTRANXEIROS, outra vez.
Por sorte non o fan empeñándose, eles mesmo e a toda a súa familia, cunha mafia que lles meta nunha patera “á man de deus”, sen saber si chegará ou non ao seu destino.
Pero aínda e así esas familias entregan o seu ben mais querido (aínda sentindo que son uns nenos, os seus nenos) á distancia, ao non saber si atópanse ben, ao temor de non estar xunto a eles cando necesiten axuda… E esperando e desexando con todas as súas forzas que as xentes que lles rodeen saiban recoñecer neles, o bos que son e non lles fagan sufrir.
Que dura é a vida, e que inxusta, cando o futuro non existe e tes que buscalo mais alá da túa casa, dáste conta de que en realidade O MUNDO NON É DE NINGUÉN. E sobre todo descobres que, ao final ESTRANXEIROS SOMOS TODOS.