O xogador, de 35 anos, non o dubidou: “Antes ou despois tiña que regresar e creo que este é o momento xusto para facelo; foi unha decisión moi doada. Tiña ganas de volver á liga española logo de 6 anos en Italia e Bélxica. Esta é a liga que me viu medrar e me deu tantas alegrías e coa que máis gocei neste deporte” confesaba con entusiasmo o catalán, que chega á comarca da Mariña “como mellor xogador e evidentemente mellor persoa”: “Estes anos servíronme para darme conta de que hai vida máis aló do fútbol sala español. Toda a experiencia que adquirín a nivel internacional axúdame a tomar mellores decisións nos partidos”.
Héctor ve o Pescados Rubén Burela FS con moitas posibilidades para a segunda volta: “Aínda que estaba fóra da casa, sempre me gustou seguir o fútbol sala nacional. É un equipo novo, pero con moita ambición e moitas ganas de facer as cousas ben. Non coñezo moito a liga para valorar rivais, pero creo que o equipo está nunha boa posición; creo que con traballo e esforzo pode pelexar polo play off”, explicaba o novo laranxa, que xa puido adestrar a semana pasada coa escuadra de Juanma Marrube: “Aínda non sei moitos mecanismos de traballo, pero considérome unha persoa rica a nivel de experiencia; os 13-14 anos que levou neste deporte a nivel profesional pódenme axudar a unha rápida adaptación nesta nova aventura”, concluía na súa presentación o pivote.