As actividades da programación do Concello focense para este Nadal continuarán mañá, luns 25, día de Nadal, co tradicional concerto da Banda Municipal de Música de Foz. Será ás 20:30 horas na igrexa parroquial.
O mércores 27 haberá unha representación de teatro musical infantil na Sala Bahía ás 18:30 horas. A compañía Redrun Teatro ofrecerá a obra titulada A nena que quería navegar. O prezo das entradas é de 1,5 euros para os nenos e 2,5 euros para os adultos. O mesmo días ás 20:00 horas na Casa da Cultura presentaranse os libros de Paco Rivas titulados Picaraxadas, brinquedos rimados e Escolma poética.
O sábado 30 ás doce do mediodía na Avenida da Mariña haberá outro concerto de panxoliñas dos alumnos e alumnas da Escola de Música de Foz. Ese mesmo día ás 19:00 horas na Casa da Cultura o Grupo de Teatro Xuvenil Escouridal, de Alfoz e O Valadouro, representará a obra Brancura, escrita por Pepe Peinó. É para todos os públicos con entrada gratuíta.
Xa en xaneiro o día 4, xoves, ás 18:30 horas na Sala Bahía terá lugar un espectáculo de danza dirixido ao público infantil con entrada gratuíta. A compañía Traspediante ofrecerá o espectáculo Baila un vestido verde. Nesa mesma xornada ás 20:30 horas no pavillón do colexio Martínez Otero terá lugar a actividade Patinando en Nadal.
E o venres 5 celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis, con saída da praia da Rapadoira ás 19:00 horas para percorrer as rúas da vila ata o belén vivinte que estará na Casa do Concello. Ao remate repartiranse churros con chocolate e roscón de Reis no patio do colexio Número 1, onde tamén haberá inchables para os nenos. Para poder facer o percorrido cos Reis Magos nas carrozas os nenos e nenas interesados deberán anotarse na Delegación de Cultura do Concello de Foz do 2 ao 4 de xaneiro ata cubrir prazas e para participar na cabalgata teñen que ir vestidos de pastores ou co traxe rexional.
Ademais desde o día 15 deste mes ata o 15 de xaneiro o Cenima acolle unha exposición colectiva titulada 20 horas debuxando sobre o papel, con obras de alumnos e alumnas de debuxo da Aula Universitaria da UNED en Foz.