Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 250 rapaces participarán nas actividades de Nadal do Ensino promovidas polo Goberno da Deputación

FOTO PRESENTACIÓN ACTIVIDADESLugo, 27 de decembro de 2017. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez, e o Presidente do Porta XI CB Ensino, Manuel Durán Ónega, presentaron este mércores no Pazo dos Deportes as actividades de Nadal que organiza o club de baloncesto lucense e coas que colaboran o Goberno da Deputación e do Concello de Lugo. Máis de 250 rapaces participarán nestas actividades que terán lugar nas instalacións do Pazo e inclúen: un campamento urbano para nenos e nenas de 3 a 7 anos; xornadas de tecnificación para rapaces e rapazas de 8 a 14 anos; un torneo de baloncesto no que participarán 16 equipos femininos, os días 29 e 30 de decembro; e un torneo 3×3 para pequenos e maiores que terá lugar o día 2 de xaneiro no Pazo.

O Goberno da Deputación achega 75.700 euros ao CB Ensino para sufragar os gastos da tempada e a organización destas actividades, así como a promoción do deporte feminino, pois o club é un claro exemplo de igualdade no ámbito deportivo. O Ensino está moi preto de cumprir catro décadas formando a numerosas promocións de xogadoras da provincia e manténdose durante este tempo na elite do deporte.

Rivera Capón subliñou que “colaboramos co Ensino na organización destas actividades para que continúe coa súa labor de fomento e promoción da actividade física e deportiva entre os máis pequenos durante as vacacións de Nadal, ofrecendo diferentes actividades deportivas, manuais, de entretemento e lecer, que lles permitan continuar realizando deporte e practicando baloncesto durante estas datas festivas. Ademais, facilitamos a conciliación da vida laboral e familiar a todos aqueles pais e nais que polas súas obrigacións teñan dificultade para atender aos seus fillos neste período de vacacións escolares en horario de mañá”.
Actividades para todas as idades
– NADAL ACTIVO: campamento urbano de mañá de 9 a 2 pero totalmente flexible con actividades culturais e deportivas para nenos e nenas de 3 a 7 anos. Dúas quendas do 22 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro con posibilidade de días soltos.

– XORNADAS DE TECNIFICACIÓN EN BALONCESTO: adestramentos de baloncesto para nenos e nenas entre os 8 e 14 anos. Unha única quenda do 26 ao 29 de Decembro. Invitados relacionados co mundo do baloncesto e adestradores do club.

– X TORNEO FEMININO DE NADAL: Décima edición do torneo feminino de baloncesto que terá lugar os días 29 e 30 de decembro e no que se participan un total de 16 equipos e unhas 200 rapazas nas instalacións do Pazo provincial e anexos, celebrándose un total de 25 partidos. Haberá premios aos dous primeiros clasificados e premios individuais á MVP por categoría e ao mellor quinteto. Competirán clubs de León, Ponferrada, Vigo, Ferrol e Lugo.

– 3X3 DE ANO NOVO. Actividade de baloncesto recreativo para rapaces e rapazas de 12 a 17 anos. E para adultos a partir de 18. Celébrase o 2 de xaneiro no Pazo e Anexos. Os nenos de 12:00 a 18:00 horas e os adultos a partir das 18:00. As inscricións están abertas a través das canles oficiais do CB Ensino.

Exit mobile version