Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicitará no pleno a implantación do servizo Xantar na casa, a creación de novos pasos de peóns en Fazouro e a elaboración do Regulamento de participación cidadá

Foz, 26 de decembro de 2017. O BNG de Foz presentará tres novas mocións no pleno ordinario de decembro, que se celebrará o próximo xoves día 28. “A primeira delas propón a posta en marcha no noso concello do programa “Xantar na Casa”, que estaba incluído na carteira de prestacións do Consorcio Galego de Benestar do Goberno bipartito, e que foi posteriormente suprimido polo PP no ano 2009″, declaran Lorena Seivane e Teresa Rego.
O programa pretende facilitar unha alimentación sa a domicilio a persoas maiores, dependentes ou persoas en situacións de exclusión social. Asimesmo, favorece a autonomía persoal dos usuarios e dá un respiro aos familiares coidadores, axudando á conciliación laboral e familiar dos mesmos.
O obxectivo da moción é que poidan adherirse ao programa todas as persoas maiores, dependentes ou en situación de exclusión social que o desexen, pagando unha cantidade máxima de cen euros ao mes. De aprobarse, o Concello redactaría a Ordenanza reguladora do servizo e os Servizos Sociais municipais xestionarían a posta en marcha do Programa.
“A segunda moción vén motivada polas queixas dos veciños de Fazouro que se ven obrigados a atravesar a estrada nacional 642 para coller o transporte de liña regular, o transporte escolar, o dos traballadores de Alcoa ou mesmo os clientes do restaurante situado nas inmediacións da rotonda máis próxima a Foz, con alto risco para a súa seguridade”, afirman Seivane e Rego.
A moción propón que o Concello inste a Fomento a pintar e sinalizar dous pasos de peóns entre as dúas rotondas da Fazouro para garantir a seguridade das persoas que queiran cruzar a estrada.
Por último, e “como moción histórica, é dicir, aquelas vellas reivindicacións do BNG que foron presentadas e aprobadas con anterioridade mais nunca executadas polos distintos Gobernos municipais, propoñemos a creación dun Regulamento de Participación Cidadá, que terá como obxectivo promover a participación veciñal na xestión municipal, a nivel individual ou asociativo, para facer efectivos os dereitos da veciñanza recollidos en distintas Leis da Administración Local”, anuncian as concelleiras nacionalistas.
Se se aproba a moción, o Regulamento creará mecanismos que garantan a iniciativa veciñal e a consulta popular, facendo necesario informar aos veciños sobre os grandes temas da política municipal, como poden ser os orzamentos, os plans urbanísticos, a política de emprego, os servizos sociais, ou a planificación cultural, e promovendo a súa participación na toma de decisións sobre todos os temas que lles afectan.

Exit mobile version