Site icon Crónica3.com A Mariña

O CEP Loís Tobío de Viveiro ganará en confortabilidade e eficiencia enerxética grazas á remodelación integral que a Xunta acometerá no centro

Lois TobioLugo, 14 de decembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o Centro de Educación Primaria Loís Tobío, en Viveiro, un colexio que se verá beneficiado dun importante investimento da Xunta estimado en medio millón de euros.

Balseiro deu conta da decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de incorporar este centro no Plan de Rehabilitación Integral de edificios educativos e explicou os pasos a seguir que farán posible a execución material das obras xa no ano próximo.

O delegado territorial dixo que esta actuación tan ambiciosa, reportará maior confortabilidade aos escolares e a todos os usuarios, así como unha mellora substancial da eficiencia enerxética do centro, que contribuirá tamén á redución considerable dos custes de mantemento, polo menor consumo de luz e calefacción.

De feito entre as actuacións previstas se inclúe a inxección de material na cámara de aire das fachadas, cambio das fiestras e carpintería exterior e persianas, colocación de falsos teitos e introdución de tecnoloxía led nas luminarias. Ademais, de xeito complementario executarse o pintado interior do centro e, previsiblemente a reforma dos aseos.

Na súa visita, Balseiro estivo acompañado polo director do centro, Manuel Rodríguez González, representantes do claustro de profesores e da Corporación municipal. Na actualidade, o CEP Lois Tobío acolle a un total de 308 alumnos de primaria, repartidos en 17 grupos.

Balseiro salientou que, que “a Xunta quere fomentar o uso racional da enerxía e predica co exemplo”, impulsando a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos seus propios centros. “Constatamos que este tipo de melloras teñen consecuencia directa no benestar dos usuarios e no aforro en gastos correntes, pero ademais, dende unha perspectiva máis ampla, é indispensable avanzar neste camiño cara un desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente”.

Novas oportunidades de emprego
O delegado tamén explicou que o proxecto definitivo será o que deseñe un dos 47 arquitectos novos convidados polo Goberno galego a presentar as súas propostas, xa que logo o departamento educativo da Xunta dá continuidade ao seu compromiso coa empregabilidade das persoas máis novas, facilitando ademais que poidan incorporar esta experiencia ao seu currículo.

Exit mobile version