Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello colocará 32 placas de Sargadelos en rúas do centro da vila con reseñas sobre a historia da localidade, escritas polo cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez

Ribadeo, 14 de decembro de 2017. O Concello colocará 32 placas de Sargadelos en diferentes enclaves do conxunto histórico da vila nas que se combinará arte coa historia local de Ribadeo. O obxectivo é converter as rúas nun museo vivo. As placas, que foron deseñadas por Sargadelos e polo arquitecto municipal, conteñen textos do cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez. O descubrimento da primeira placa, desta serie de 32, terá lugar o vindeiro sábado, 16 de decembro, ás 12:00 horas, no inicio da rúa Ibáñez. No acto, que estará amenizado por profesores da Escola Municipal de Música de Ribadeo, participará Eduardo Gutiérrez.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, comentou que “todo o mundo sabe o grande vínculo que tivo Sargadelos con Ribadeo ao longo da historia destes últimos dous séculos, tanto na vida de Antonio Raimundo aquí en Ribadeo e da súa temperá morte tamén no ano 1809, como tamén coa súa obra a través da fundición de Sargadelos, que logo pasou a ser unha fábrica de cerámicas e que de diferente xeito foi chegando aos nosos días”.
O rexedor ribadense lembrou que “hai xa tres anos que desde o Concello de Ribadeo fomos cambiando as vellas e deterioradas placas dos nomes das rúas por outras máis nobres e máis atractivas por todo o casco vello da vila”.
Suárez Barcia subliñou que “queremos agora dar un novo paso que combine a arte desta fábrica de cerámica coa historia local de Ribadeo, tan rica a través dos séculos, e quen mellor que o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, para ir poñéndoa en forma de textos nunha serie de 32 placas que se van ir colocando en diferentes enclaves da vila, falando de acontecementos históricos de Ribadeo, por poñer por caso desde as súas murallas medievais ata diferentes feitos históricos acontecidos no pasado”.
O alcalde ribadense declarou que “queremos que o propio conxunto histórico da vila, ademais de ser un lugar acolledor para vivir e para admiralo paseando, como xa fan milleiros de turistas ao longo destes últimos años, se converta tamén nunha especie de museo vivo onde a xente poida deterse a admirar as imaxes recreativas dun pasado esquecido en moitos casos, xunto cunhas reseñas históricas de agradable lectura”.
Suárez Barcia anunciou que “todo isto se vai vir acompañado pola edición de folletos informativos en varios idiomas, en galego, en castelán, en inglés e en francés, que estarán nos próximos días á venda na Oficina de Turismo de Ribadeo”.
O alcalde de Ribadeo convida “a todo o mundo que desexe a acudir a un sinxelo acto de descubrimento dunha primeira desta serie de 32 placas informativas, que vai ser este sábado ás doce do mediodía no inicio da rúa Ibáñez. Aquí poderá a xente visualizar estas placas deseñadas por Sargadelos, tamén nos debuxos polo arquitecto municipal, e nos textos por Eduardo Gutiérrez, o cronista oficial de Ribadeo. Estamos convencidos que vai ser unha idea convertida en realidade, que vai ser de moi bo agrado para moitísima xente”.

Exit mobile version