Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela realiza obras de mellora nas beirarrúas de Castelao, Nosa Señora do Carme e o Río

151217 Foto obras beirarrúas 2Burela, 15 de decembro de 2017. O Concello está a realizar obras nas rúas Castelao, Nosa Señora do Carme e O Río onde se están a reparar as beirarrúas. Ademais tamén acometerá en breve traballos de mellora da accesibilidade noutros puntos da vila. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, agarda que estas obras rematen antes do Nadal.
O edil socialista lembrou que “a semana pasada se iniciaron unhas obras que xa tíñamos anunciado hai uns días, que se adxudicaron á empresa Cazás por un importe de 58.000 euros. Consisten na reparación de varias beirarrúas que estaban bastante deterioradas. Actuouse xa na zona das Castros, agora mesmo estase traballando na zona de Castelao, onde tamén había dúas beirarrúas que estaban bastante deterioradas, e imos seguir traballando na zona de Nosa Señora do Carme. Despois continuaremos pola zona do Río, unha demanda veciñal que había xa desde fai moito tempo, que era a colocación dunha rexilla na rúa do Río para que as augas cando chove intensamente non cheguen a Arcadio Pardiñas e así evitar, dentro das nosas posibilidades, as inundacións que se teñen producido nesa zona”.
Ramiro Fernández engadiu que “ademais disto hai unha obra de mellora de accesibilidade nas beirarrúas que tamén vai acometer a mesma empresa”.
O concelleiro de Obras quere “dicirlles aos veciños que perdoen as molestias que poidan causar estas obras, pero entendemos que son boas para o pobo e moi necesarias”. Fernández Rey pide tamén desculpas polas molestias ocasionadas con estes traballos aos vendedores do mercado semanal que se celebrou hoxe, venres.
Fernández Rey dixo que “a pretensión é que na semana do 22 puideran estar rematadas, aínda que parece que levan un pouco de retraso porque tamén empezaron un pouquiño máis tarde, pero espero que antes de Nadal puideran estar rematadas ou case rematadas as obras”.

Exit mobile version