Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo mellorou o equipamento da escola infantil cunha inversión que supera os 12.000 euros

071217 InfantilCervo, 7 de decembro de 2017.- O Concello de Cervo vén de renovar o equipamento da Escola Infantil Municipal cunha inversión de 12.631 euros.
A actuación levouse a cabo grazas a unha subvención da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, cofinanciada polo fondo europeo de desenvolvemento rexional, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2015-2020, que ascendeu a 11.368 euros.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Eduación, Dolores García Caramés, visitaron as instalacións nas que, tal e como apuntaron, “melloramos e ampliamos o mobiliario, a zona de xogos dos pequenos e tamén adquirimos novo material tecnolóxico e didáctico”.
Villares sinalou que esta renovación do material vén a sumarse á inversión continua que estamos a facer na Escola Infantil Municipal, porque para nós a educación é un piar fundamental e prioritario dentro da nosa política, de feito, nos dous últimos anos investimos nestas instalacións máis de 160.000 euros, tendo en conta que o pasado ano tivo lugar o traslado deste servizo á Casa do Mar de San Ciprián, onde está ubicado na actualidade.
O rexedor tamén recordou que dende o Concello estamos a axilizar o máximo posible a ampliación do número de prazas do centro, de feito, “estas últimas semanas estamos a traballar na reestruturación da pranta baixa da Casa do Mar co fin de crear unha nova aula que estaría emprazada onde están na actualidade os aseos; co que lograremos así incrementar a capacidade do centro en 15 prazas, pasando das 39 que ten na actualidade a 54; co obxectivo de dar resposta ás necesidades e demandas das familias, para contribuír a facilitar a conciliación”
Este será o segundo incremento do número de prazas da Escola Infantil, xa que no 2015 cando se trasladou o servizo da Zona do Porto de Arriba á Casa do Mar, pasouse de 20 a 38 prazas, que son as que hai na actualidade.

Exit mobile version