Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo rematou os traballos de acondicionamento da antiga nave de fundición de Sargadelos que contaron cun orzamento de case 120.000 euros

111217 Nave fundiciónCervo, 11 de decembro de 2017.- O Concello de Cervo xa rematou os traballos de acondicionamento do edificio da antiga nave de fundición de Sargadelos, ubicado no Conxunto Histórico Artístico e que era utilizado como almacén municipal.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Patrimonio, Alfredo Fernández, estiveron supervisando a actuación que contou cun orzamento de 118.215 euros, dos cales 70.000 proveñen dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Xunta de Galicia, e os restantes corresponden a fondos municipais.
Tal e como explicou o rexedor “esta nova actuación é un complemento ao futuro Centro de Artesanía que imos ubicar no antigo edificio das Cabalerizas, que acondicionamos en meses pasados, e para o que xa temos os trámites moi avanzados xa que o prego de licitación xa está en información pública, no BOP, dende o pasado 5 de decembro, polo que os artesán teñen un prazo de 30 días hábiles, contados a partir desa data, para presentar toda a documentación requirida e entrar no proceso de adxudicación dos 6 locais habilitados para uso artesanal”.
Villares engadiu que coa adecuación desta instalación como espazo de emprendemento comercial “seguimos a traballar para revitalizar o Conxunto Histórico Artístico, o noso Patrimonio de Sargadelos”.
Trátase dunha construcción de finais do século XVIII dunha soa planta, cunha superficie de 356 m2, que, tal e como destacou o alcalde “quixemos poñer en valor como edificio representativo que é de Sargadelos; moi versátil en canto ao seu uso, ao que lle vemos un gran potencial para albergar actividades de diversa índole, ben promovidas polo propio Concello, os artesáns; ou por distintos colectivos do municipio, co obxectivo último de dinamizar todo o Conxunto Histórico, e contribuír a desestacionalizar tamén o turismo”.

Exit mobile version