O rexedor municipal anunciou que “o pasado sábado estreouse o novo parque infantil na praza Conde de Fontao e hoxe, luns, estrearemos tamén o do Campo da Cabana, dentro das obras que se propuxeron polo Concello no Plan Único da Deputación de Lugo para este ano 2017”.
Javier Castiñeira sinala que “as dúas obras foron contratadas á empresa local Bahía Park por case que 40.000 euros, que foi o importe total dos dous investimentos. Cúmprese así unha das peticións que a corporación municipal solicitou ao equipo de goberno en pasados plenos. Varios grupos falaban do mal estado dalgúns parques e si que é certo que necesitaban unha renovación e polo tanto empezamos por estes dous, que eran os que peor estaban”.
O alcalde anuncia que “a intención do Concello de Foz é seguir renovando os parques infantís do concello que disfrutan os nosos rapaces. Para iso ordenamos elaborar os proxectos de renovación dos máis desgastados, en concreto do que hai en Álvaro Cunqueiro, diante de Facenda; tamén o da praza Martínez Otero, a carón dos taxis; e onde era a antiga rula, no peirao”.
O rexedor explica que os parques que acaban de renovar “constan de pavimento continuo de goma coloreado, con novas pezas de alta calidade e deseño. A verdade é que quedan moi modernos e moi bonitos”.
Castiñeira espera que “os nenos disfruten deles xa durante esta próxima ponte da Constitución e tamén durante o Nadal”.