Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello impulsa iniciativas para dar a coñecer o valioso patrimonio arqueolóxico de Mondoñedo

xornadas arqueoloxía (2)Mondoñedo, 16 de decembro de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anuncia que dende o Concello se está a traballar no impulso de iniciativas para dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico da localidade. “O patrimonio arqueolóxico de Mondoñedo é de gran valor, e queremos dalo a coñecer”, afirma.
A rexedora explica que Mondoñedo leva anos sendo referencia no estudio arqueolóxico e dende o Goberno local “o que queremos promover, sempre respectando o noso patrimonio, é unha ampliación da oferta para que cando o turista visite a nosa cidade teña moitas alternativas”, xa que, segundo engade Elena Candia, “como di o lema, na cidade hai ‘Mil historias que vivir”.
Con ese obxectivo de poñer en valor e de dar a coñecer o patrimonio mindoniense, dende o Concello de Mondoñedo desenvolverase unha ruta arqueolóxica: percorrendo as orixes de Mondoñedo. É dicir, trátase dunha ruta arqueolóxica guiada por diversos enclaves da localidade para “dar a coñecer o noso patrimonio arqueolóxico, natural e paisaxístico xa que as zonas a visitar están en áreas de especial interese natural e paisaxístico”, explica a rexedora. Este lugares son O Centro de Interpretación da Prehistoria de Vilar; o Menhir da Toxiza; mámoa na Fraga Vella e o Castro de Zoñán.

Esta ruta ofertaríase entre os meses de marzo e novembro, unha mañá da fin de semana e unha vez ao mes, excepto nos veráns que se podería desenvolver a ruta guiada de xeito semanal e nun día de semana. A visita guiada sería para grupos con vehículos propios pero “tamén é certo que esta ruta podería facela quen quixese por si só e incluso sería unha ruta posible para facer en bicicleta”, precisa Candia. Así, dende o Concello editaranse folletos explicativos do percorrido coas ideas principais así como cun esquema da ruta.

Xornadas de Arqueoloxía
Mondoñedo está a celebrar esta fin de semana as XVII Xornadas de Arqueoloxía ‘Villaamil y Castro’ , que deron comezo onte coa conferencia “A Morte no Camiño: dieta, mobilidade e sociedade no Camiño de Santiago”, ofrecida polo bioarqueólogo da Universidade do País Vasco Patxi Ramallo.

Hoxe sábado, ás 18.00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Comarcal de Mondoñedo terá lugar unha nova conferencia sobre “O tempo dos Suevos na Gallaecia: do mito á realidade”, da man do profesor da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga. Hoxe tamén será a entrega de diplomas aos inscritos nas xornadas que organiza o Concello e cuxa matrícula é gratuíta. E mañá domingo, terá lugar unha visita guiada á exposición “In Tempore Sueborum”, que percorre a historia dos Suevos e que ten lugar en tres espazos da cidade de Ourense; no Centro Cultural Marcos Valcárcel; na Igrexa de Santa María Nai e no Museo Municipal.

Exit mobile version