Así, para conmemorar esa efeméride, Paco Piñeiro, leva meses traballando na creación da Crónica Histórico-Literaria da Parroquia de Santa María de Cervo.
Un libro que foi editado polo Concello de Cervo, e que será presentado nun acto aberto ao público o mesmo día do Centenario.
Tal e como apuntou o rexedor, Alfonso Villares, que presentou o acto hoxe na Sala de Xuntas do Concello xunto a Paco Piñeiro; “eu xa tiven a oportunidade de poder ver un esbozo do gran traballo que fixo Paco Piñeiro, e que será sen dúbida un manual imprescindible en cada fogar cervense porque é unha extraordinaria recomplación que abrangue o pasado, pero que tamén pretende recoller referencias ao noso presente”.
O acto está previsto que comece ás 16:00 horas, e o punto de encontro será o edificio das Escolas Vellas; xa a continuación terá lugar a inauguración dunha exposición de fotografías antigas da parroquia de Cervo, no Ecomuseo.
O acto central, a presentación ao público da Crónica histórico-literaria da Parroquia de Santa María de Cervo, será no salón de actos do Concello.
O evento, moderado polo historiador e comunicador, Ramón González Rey, estará acompañado por diversas interpretacións musicais e poéticas, e rematará cun aperitivo de confraternidade para todos os asistentes.
O Concello de Cervo convida a todos os veciños a participar neste acto que conecta pasado e presente por medio desta peza bibliográfica “que ten que ser un manual imprescindible nas vitrinas das nosas casas e que debemos transmitir de xeración e xeración porque é fundamental saber de onde vimos, e o gran esforzo que lles custou aos nosos antepasados conseguir o que hoxe temos”; apuntou o rexedor.