López Izquierdo destacou que “colaboramos co Museo do Pobo Galego con 16.000 euros que permiten a celebración de ducias de iniciativas coma estas, encamiñadas a preservar e difundir a identidade común que temos como galegos. Facémolo porque estamos convencidos da necesidade de que as administración públicas se impliquen no estudo e posta en valor dos recursos senlleiros do noso pobo. Dentro desta liña, dende o Goberno da Deputación colaboramos con ducias de asociacións culturais como a Fundación Uxio Novoneyra; Manuel María; Otero Pedrayo; Carlos Casares ou coa propia Real Academia Galega, coa que vimos de asinar un convenio de 9.000 euros para a promoción do Galego”.
40 anos do Museo do Pobo Galego
O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, fai 40 anos, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes obxectivos. As primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela.