Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz pedirá explicacións sobre o contrato de subministro de auga

Foz 13-12-2017. A poucos días de caducar o contrato coa empresa que subministra a auga pública en Foz e tras recibir por fin o informe encargado polo concello á empresa Eptisa sobre o abastecemento e depuración de auga, ofrécense uns datos dos que, o PSOE de Foz, pedirá aclaracións nunha vindeira reunión cos técnicos redactores.
O informe certifica, que a empresa subministradora, non cumpriu coas obrigas, compromisos económicos e inversións contempladas na concesión. Así como, a existencia de unha serie de deficiencias que demostran, unha labor nula no mantemento e xestión dos sistemas de explotación e incumprimentos na confección de planos actualizados das redes e instalacións ou estudios establecidos no pliego da concesión.
Pero o mais grave, ao xuízo do PSOE, é que este informe especifica con claridade, que a empresa concesionaria non sufre, nin sufriu desequilibrio económico, xa que para la realización do mesmo utilizáronse as tarifas aprobadas en 2007 para o abastecemento e en 2012 para a depuración de augas, e con esas tarifas, estímase que na actualidade o servizo ten un beneficio de 55.328,10 euros, que en caso de ser actualizadas sería de 253.873,72 euros.
O que nos retrotrae ao contencioso gañado por Gestagua fronte ao Concello de Foz onde se condenou a pagar mais de un millón de euros ao Concello pola non actualización de tarifas e preguntarnos, que tipo de defensa se empregou dende a Alcaldía si non existe o desequilibrio económico que esgrimía Gestagua e que era condición inescusable no pliego para actualizar as tarifas aos usuarios.
De ter feito este informe antes e ser presentado no contencioso, posiblemente o fallo non fose o mesmo, sempre nos quedará a dubida. Pero o alcalde preferiu fiar os intereses dos veciños e veciñas de Foz á palabra da empresa e facernos cargar cunha débeda, de cada vez mais dubidosa existencia, pola non actualización de tarifas.

Exit mobile version