Esta situación vén dada pola falta de entendemento entre o Concello e a Dirección Xeral de Xustiza.
A situación que teñen que soportar os traballadores do Xulgado desde hai varios anos é terceiromundista. Cada vez que chove, non queda máis remedio que colocar cubos para recoller a auga que cae do teito e fíltrase polas paredes afectando á instalación eléctrica e equipos informáticos e acabará afectando os libros de inscricións do Rexistro Civil de Ribadeo, co que isto supoñería para os habitante e os que teñen algunha inscrición no devandito Rexistro.
Por outra banda, ao afectar á instalación eléctrica, o risco de incendio por curtocircuíto é moi elevado, así como o de caída do teito ou das paredes afectadas pola auga.
O mantemento do edificio corresponde ao Concello que o único que fai é parchear no momento, pero non soluciona o problema que se volve a repetir unha vez tras outra.
Os traballadores dependen da Dirección Xeral de Xustiza, que non toma cartas no asunto, deixando desamparados aos seus traballadores, aínda sendo consciente dos riscos de accidente que soportan con esta situación.
As dúas administracións implicadas, Concello e Xunta de Galicia, o único que fan é pasarse a pelota e botar a culpa ao outro.
A resposta do concello é que non ten medios para levar a cabo a reforma adecuada e que necesita a axuda da Xunta, axuda que se lle nega.
A resposta da Xunta é que a propiedade e o mantemento do edificio corresponde ao Concello e que o único que este pretende é que a Xunta lle arranxe o edificio.
Este sindicato, falou varias veces con ambas as partes non logrando solución algunha ao problema, polo que se presentou denuncia ante a Inspección de Traballo, quen contestou dicindo que actuaría cando tivese informe do Comité de Prevención de Riscos, informe que está pendente, tras a visita realizada polo servizo correspondente o pasado mes de novembro.
Mentres tanto os que sofren a falta de entendemento das dúas administracións son os cidadáns de Ribadeo e os traballadores, que día tras día arríscanse a sufrir un accidente.
Desde a CIG cremos que a solución, de forma urxente, pasa polo entendemento entre Concello e Dirección Xeral de Xustiza, acometendo o traslado do Xulgado de Paz a outras instalacións, ben do Concello ou ben asumindo o aluguer dun local adecuado.