Site icon Crónica3.com A Mariña

OPINEN VOSTEDES…..É XUSTO E NECESARIO

Todas as persoas temos unha opinión sobre o que nos rodea, sobre como é ou debería ser, ou nos gustaría que fose?

O don da palabra como instrumento de comunicación é un atributo do ser humano moi valorado en todas as culturas e relixións, ata chegou a utilizarse como proba patente da creación divina do ser human.

Coa voz e coa palabra pódese trasladar a outros o que nos ocorre por dentro, como estamos, que pensamos ou queremos. As nosas expresións poden ser afirmativas ou negativas, clarificadoras ou enredosas, conter verdades ou mentiras, poden comunicar rabia, queixas, felicidade ou calquera formato que poida adoptar o noso estado de ánimo.

Unha das variedades da transmisión oral é a opinión. Todas as persoas temos unha opinión sobre o que nos rodea, sobre como é ou debe ser, ou nos gustaría que fose. Opinamos continuamente sen querer ou querendo, sen darnos conta estamos manifestando noso parecer sobre nosa propia vida e o mundo circundante.

O valor da opinión non só depende do tema que sexa obxecto senón tamén da persoa que a emite. Hai opinantes ilustres que argumentan, convencen ou cautivan. Hainos desastrosos que logo de moitas liñas e un malgaste absurdo e mal conformado de palabras non conseguen nin a medias dicir o que querían ou acaban dicindo o que non querían dicir. Entre un e outro extremo e en diversos grados atopámonos todos os demais.

A cultura mediterránea dos clásicos foi por excelencia o berce da oratoria como dominio dos argumentos e da palabra para o mundo occidental. Miles de textos e estudos de todos os tempos avalan este amor polo perfeccionamiento da expresión verbal. Falar ben é demostrar educación e cultura. Hilar os argumentos e as premisas ata chegar á conclusión é toda unha arte. A oratoria moderna é unha ciencia case perfecta.

O que é indiscutiblemente certo é que a opinión crea opinión. Cada opinante que fala aporta un punto de vista, unha perspectiva, un novo ángulo de visión, un aspecto descoñecido ou sobradamente coñecido, por iso enriquece o noso mundo a posibilidade de opinar.

A opinión conleva crítica e análise, pódese opinar sen tento pero sen ningunha validez, ou con opinión autorizada de experto. Pódese opinar das outras persoas, dos seus actos, aparencia ou conduta, desde o cotilleo máis vulgar ata unha valoración da súa calidade persoal e o seu mérito profesional. Opinamos sobre temas de sociedade, de política e políticos. Todo o que nose rodea é opinable.

Na sua connotación económica a opinión que xera un produto nos consumidores pode levar a unha empresa a medrar indefinidamente ou en caso contrario a sua creba. As modas nos temas cotiáns, xa sexa do vestir, do comer, dos automóbiles, etc. fórxanse pola opinión da xeneralidade e move montañas (de diñeiro sobre todo).

Os medios de comunicación son máquinas xeradoras de opinión. Desde os historiadores e cronistas de quen se facían seguir os emperadores romanos nas súas campañas bélicas, pasando polos cantos dos xuglares que radiaban xestas afastadas e transportaban noticias máis ou menos fidedignas, ata chegar á manipulación torticera da opinión polos dictadores do século vinte e por fin á liberdade, han ter que pasar moitos séculos de perfeccionamiento dos mecanismos de formar opinión.

Hoxe non podemos concibir o noso mundo sen a posibilidade de emitir opinión sobre absolutamente todo, co límite da dignidade e os dereitos dos demais por suposto, sería a morte social e vivir no engano do que nos queiran contar, como está ocorrendo nos países non democratizados. Temos moita sorte podendo falar para opinar, recordemos que non sempre se puido.

Otero Regal

Exit mobile version