Site icon Crónica3.com A Mariña

Os propietarios e residentes na Avenida da Mariña, de Foz, deben retirar na policía local as tarxetas para poder circular cos seus vehículos por esa rúa

Foz, 4 de decembro de 2017. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou que a partir deste luns os propietarios de vivendas, baixos e prazas de garaxe da Avenida da Mariña teñen á súa disposición na Policía Local as tarxetas para poder acceder cos seus vehículos a esta rúa. Desde o día 15 deste mes vaise controlar que só accedan os coches que contan con esas tarxetas.
“Dende o equipo de goberno do Concello de Foz queremos informar a todos os veciños, residentes e propietarios, ben sexa de vivendas, de baixos ou de prazas de garaxe, da avenida da Mariña que xa teñen á súa disposición as tarxetas necesarias para que poidan acceder libremente á avenida da Mariña cos seus vehículos”, manifestou o rexedor municipal.
Javier Castiñeira lembra que “só poden acceder á avenida da Mariña residentes e usuarios dalgún parking máis os vehículos da carga e descarga propiamente dita”.
O alcalde indica que “todos aqueles que soliciten as tarxetas van ter que xustificalo, ben co contrato de aluguer ou coa propia escritura do inmoble e deberán demostrar tamén a posesión dun vehículo; terán que traer os papeis dese vehículo e cada tarxeta irá asimilada a un vehículo. A persoa que teña dous vehículos terá dúas tarxetas e a que teña varias prazas de garaxe tamén terá varias tarxetas. Polo tanto é unha forma tamén de poder identificalos e de que teñan seguridade xurídica á hora de acceder á avenida da Mariña”.
Castiñeira subliña que “nestes próximos días de Nadal vai haber moita actividade na avenida da Mariña, especialmente unha vez que rematen os colexios, a partir do día 20, e polo tanto é moi importante que para esa data esteamos xa funcionando coas tarxetas”.
O rexedor sinala que “a partir de hoxe están na Policía Local esas tarxetas polo que todas aquelas persoas que as desexen deben ir á oficina da Policía Local e partir do día 15 aproximadamente xa empezarán a facer os controis para comprobar que toda a xente leva a tarxeta e así organizar moito mellor o tráfico”.
Castiñeira engade que “a partir de mañá serán colocados na Avenida da Mariña os paneis cos sinais para avisar de que estamos nunha zona peonil e de que prima o paso dos peóns ante o tráfico dos vehículos, que nesta avenida será cun límite de velocidade de 20 quilómetros por hora”.
O alcalde rematou desexando “boa campaña de Nadal para todos”.

Exit mobile version