Site icon Crónica3.com A Mariña

Álvaro Santos: “Para o PP os lucenses non necesitamos o AVE e Hemodinámica 24 horas porque o seu proxecto para a provincia é a nada”

IMG_0448 (1)Lugo, 15 de decembro de 2017.- O Secretario Provincial electo, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, xunto a compañeiros no Parlamento galego e no Congreso, denunciaron este venres a “semana tráxica para a provincia” despois de que o Partido Popular dende o Goberno Central e a Xunta de Galicia confirmase que non vai a dotar a Lugo da estación intermodal e polo tanto da Alta Velocidade, nin do necesarios servizo de hemodinámica as 24 horas.

“Os lucenses non necesitamos ao PP porque da súa man non chega nada”
Santos Ramos destacou que “as manifestacións dos últimos días veñen de clarificar que o verdadeiro proxecto do PP para a nosa provincia é a nada. Pois para o PP os lucenses non necesitamos o AVE, -dixéronllo á compañeira Margarita o martes na Comisión de Fomento no Congreso dos Deputados-; e tampouco necesitamos a hemodinámica 24 horas, -dixéronllo á compañeira Coti o mércores no Parlamento de Galicia-. A conclusión é moi sinxela: o que non necesitamos os lucenses e ao PP porque da súa man non chega nada a Lugo máis que desprezo e mentiras”.

“Mentiras como no caso do AVE, cando nos negaron que tiñan suspendido o proxecto de construción da intermodal e polo tanto a chegada do AVE a Lugo. Seguen a mentir cando falan de compromiso coa Alta Velocidade, pois o único que están a facer é poñer parches na rede ferroviaria existente, pero non aproban os investimentos necesarios para que Lugo deixe de ser a única provincia galega que queda sen AVE”, remarcou o Secretario Provincial electo.

“E o mesmo ocorre con hemodinámica. O PP condiciona a súa apertura 24 horas a uns informes que agora manipulan e esconden, como fan con todo o que ten que ver cos lucenses. Os lucenses estamos cansados de ser cidadáns de segunda, estamos cansados dos desprezos e das mentiras do Partido Popular”, apuntou.

Cantos mortos necesita o PP para hemodinámica 24 horas?
Méndez López destacou que “non queremos nin merecemos ser cidadáns de segunda. E non nos podemos permitir este desprezo que está a ter o Partido Popular a través das institucións que goberna cara os lucenses. A pregunta é sinxela con respecto aos servizos sanitarios: cantos mortos necesita o Partido Popular para decidir que é precisa a hemodinámica 24 horas?. Porque estamos vendo como os lucenses tardamos máis de dúas horas en ser atendidos cando sufrimos un infarto fóra de horario de oficina. Os lucenses tardamos unha media superior a todos os galegos e galegas en ser atendidos. Non nos merecemos ter en risco as nosas vidas polo feito de non ter implantada a hemodinámica 24 horas. Ademais, estamos a falar dun custe mínimo, entendendo a totalidade do que se destina no orzamento do Sergas. Polo tanto, non se entende esta negativa tras negativa do Partido Popular a non implantar a hemodinámica 24 horas, como o resto de servizos que estaban comprometidos da época do Partido Socialista”.

“Sen intermodal e AVE non hai futuro. Suporá o illamento socioeconómico”
“Con respecto ao AVE o mesmo. Non podemos permitirnos quedar illados do desenvolvemento e do futuro. Non podemos permitirnos esta burla, como lle manifestaron aos compañeiros e compañeiras: estas falsedades do PP que primeiro dixeron que estaba en trámite o proxecto da intermodal e logo recoñeceron que suspenderan a súa contratación. Nós entendemos que, como non se implante a intermodal no Concello de Lugo, quedaremos illados do desenvolvemento futuro. Isto suporía un illamento socioeconómico para a cidade e a provincia de Lugo brutal pois despois calquera inversión vai a supor un esforzo económico moitísimo máis elevado”, concluíu a Alcaldesa.

Compromisos do PSOE: “AVE a Galicia e AVE a Lugo, Hemodinámica 24H xa”
Santos Ramos engadiu que “os socialistas seguiremos pelexando para que teñamos hemodinámica 24 horas e para que o AVE chegue a Lugo canto antes. Calquera pode necesitar hemodinámica máis alá do horario de oficina. Os lucenses, como o resto de galegos, queremos na nosa provincia os servizos sanitarios públicos necesarios para poder ser ben atendidos. Non entendemos o AVE a Galicia e non aceptamos o AVE a Galicia se o AVE non chega a Lugo tamén. Os lucenses non temos porque ir a coller o AVE a Ourense. Se o PP quere ir a collelo a outros lados ou viaxar nos seus cochazos ou jets privados, que o fagan, pero os veciños de a pé queremos collelo en Lugo”.

“Reclamamos o AVE a Lugo que deixou contratado o Partido Socialista no ano 2010 e que no ano 2017 segue sen executarse por culpa do Partido Popular. A Hemodinámica 24 horas que deixou prevista un Partido Socialista que gobernaba na Xunta de Galicia. O único que fixo o Partido Popular foi retrasar a inauguración deste hospital para que a xente se esqueza de que o tiña feito o Partido Socialista e non o señor Feijóo. Temos que acabar con todo isto e, dende logo, ese é o compromiso dos socialistas. AVE a Lugo cando o AVE a Galicia, no ano 2019; e hemodinámica 24 horas xa. Non somos cidadáns de segunda”, concluíu o Secretario.

Exit mobile version