“O PP ten unha folla de ruta para privatizar e desmantelar a sanidade pública ameazando un dereito á saúde que levou moito tempo conquistar, e agora esta contrarreforma sanitaria que implica afondar nos recortes de servizos no Hospital da Costa, con categoría de xeral, que presta atención a toda a comarca da Mariña”, indicou Pontón en relación ao proxecto de reforma da Lei de Saúde do Goberno de Feijóo.
A dirixente do Bloque advertiu dos efectos de afastar a prestación sanitaria da poboación, que no caso da Mariña implica “derivación de pacientes ao Hospital de Lugo a 100 quilómetros de distancia como media, o que vai claramente en contra do dereito á saúde da cidadanía, pois o factor proximidade é clave para garantir a calidade”.
“Hai moitos problemas, pero estamos ante un Goberno cuxa única preocupación é desmantelar a sanidade pública a favor de intereses privados que pretenden facer negocio coa saúde das persoas. Hai un descontento crecente, e desde o BNG imos facer unha campaña intensa de información, concello a concello, porta a porta, para frear esta nova estafa que é o roubo da sanidade pública, cando o que se piden son melloras no sistema público de saúde”, indicou.
“Imos plantarlle cara a esta contrarreforma traballando man a man co persoal sanitarios, coas plataformas en defensa da sanidade pública, coas persoas afectadas e con todos os colectivos sociais que loiten por un sistema público de saúde de calidade”, recalcou nunha xuntanza na que tamén estivo a deputada por Lugo, Olalla Rodil, e responsables locais e comarcais do Bloque.
Como primeiro paso, Pontón anunciou a presentación dun emenda de devolución a proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza remitido polo Goberno que, con toda probabilidade, se debaterá no Parlamento a mediados de febreiro.
“Que teña claro Feijóo que o BNG vai plantar cara a esta contrarreforma e, con suficiente mobilización e contestación social, seremos capaces de parar este novo golpe á sanidade pública, golpe que tería consecuencias nefastas para a veciñanza desta comarca que leva moito tempo reivindicando melloras no Hospital da Costa”, indicou.
Recortes de Feijóo
A xunta de persoal trasladou á formación nacionalista as carencias do centro hospitalario que obriga a desprazarse ata o HULA a miles de persoas doentes, usuarios e usuarias que para consultas, revisións ou probas que apenas duran dez minutos precisan estar toda a mañá en Lugo, cos custes de desprazamento que supón así como o esforzo persoal, -mesmo físico debido a doenza-, e familiar que implica.
O proxecto de reforma da Lei de Saúde que ven de aprobar o Goberno de Feijóo “é un paso máis nesa dirección daniña”, que pretende converter a sanidade pública en subsidiaria da privada. Desde que Feijóo chegou á Presidencia, a sanidade pública perdeu 700 camas e 2.000 millóns de euros de recursos na atención primaria, un 15%, “recortes que acaban pagando os e as usuarias con peor atención”.
Bases Democráticas
Na xornada de traballo na Mariña, Pontón tamén visitou Viveiro onde mantivo un encontro cos distintos colectivos económicos e empresarias da comarca, que lle trasladaron a súa preocupación polas deficientes comunicacións na zona, tanto por estrada como ferroviarias, incluíndo a cuestión da apertura do dique norte de Alcoa para tráfico comercial.
A visita a comarca concluíu cun acto público de presentación das Bases Democráticas, proposta política do BNG para avanzar na soberanía de Galiza superando o actual marco institucional da Constitución e do Estatuto herdados do réxime do 78, “caduco e fracasado”.