Site icon Crónica3.com A Mariña

TEMPO DE PANXOLIÑAS

Estamos de cheo nas datas en que o calendario sinala as xornadas entrañables do Nadal; celebración de ledicia e tamén de fondas nostalxias: a ledicia da volta ó fogar daqueles membros que se atopan espallados polo mundo, pero tamén polas fondas nostalxias da ausencia dos seres queridos que endexamais voltarán, e que deixaron as nosas vidas cun vacío, ás veces prematuro, e polo tanto coa dór incurable dunha existencia tan fugaz…
A música é, en esencia, a combinación de sons que expresan os sentimentos; cada episodio vital, cada estado de ánimo, ten a súa expresión musical: a alegría, a tristura, a victoria, a derrota, o amor e o desamor; todo, en fin, se interpreta dende a sensibilidade expresiva das notas musicais, magnificando as vivencias mais íntimas e entrañables. O tempo de Nadal, de fonda resoancia en toda a Humanidade, ten históricamente como versión musical e poética o vilancico, nome que procede do termo “vilano”, equivalente a “rústico”, pois era a cantiga dos pastores. Logo os vilancicos cultiváronse nas capelas das Catedrais, polos séculos XVII e XVIII; tempos do apoxeo dun xénero que tiña os precedentes nas festas populares de Nadal e na liturxia.. O vilancico foi moi cultivado en Galicia e aquí traspasou o ámbito puramente popular, pois foron moitos os poetas que escribiron vilancicos, panxoliñas,nadais, aninovos e reis. Os mais próximos a nós : Noriega Varela,Crecente Vega,Iglesia Alvariño, Trapero Pardo, Díaz Jácome… cantaron tamén ó Nadal. Alvaro Cunqueiro tódolos anos escribía un vilancico para que o cantara Remediños, a filla do seu amigo, músico e barbeiro, O Pallarego,que lle poñía a música. “Como son moi pequeniña/ non che me deixaban vir/pero díxenlle á abueliña/ que me trouxera ata aquí./ Pensei traerche de regalo/ unha rosquilla ou un bolo/ pero aínda tiveron que traerme no colo… Medio kilo de xabrón/ neste tempo de estraperlo/val como un ollo da cara/ i-a todos nos ven “al pelo”./ Pero non é para vosoutros/mal está en que eu o diga/ que é para San Xosé e o Neno/ e mais para a Virxe María…”.
oooooo 0 oooooo
” Bendice,Señor, nosa casa e noso fogar./ e mantede para sempre encendida/ a fogueira do esprito na vida/ e o braseiro do lume no lar…”. ¡Bó Nadal, amigas e amigos lectores…!

Exit mobile version