Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación ribadense que viaxará a Fitur manterá máis de 20 xuntanzas con axencias de viaxes e turoperadores aos que lles amosarán os encantos de Ribadeo, un destino para todo o ano

Ribadeo, 16 de xaneiro de 2018. A delegación ribadense que viaxará a Fitur manterá máis de 20 xuntanzas con axencias de viaxes e turoperadores aos que lles amosarán os encantos de Ribadeo, un destino turístico para todo o ano. A Madrid acudirán a concelleira e a técnica de Turismo, Ana Martínez e Begoña García, así como o alcalde, Fernando Suárez. Martínez contou hoxe que máis de 114.000 persoas solicitaron información nas oficinas de turismo de Ribadeo durante o 2017, unha pequena porcentaxe dos milleiros de visitantes que se achegan a este concello a gozar das súas vacacións, do seu tempo de lecer.
A edil de Turismo dixo que “Fitur é unha feira de importancia a nivel mundial e desde logo, como cada ano, estará presente Ribadeo. Este ano acudiremos para presentar novas propostas o alcalde, Fernando Suárez; a técnica de Turismo, Begoña García; e eu mesma. Desde logo estas propostas están sempre baseadas no turismo de calidade e sostible, no que arredor do eixo que supón o turismo medio ambiental, o punto de atracción da praia das Catedrais, pero desde logo non canto máis mellor. É importante que veña moita xente pero debemos preservar, conservar e informar sobre o noso territorio para que siga sendo un espazo visitable e desde logo agradable tamén para vivir no día a día”.
Martínez contou que “estaremos en Fitur e levamos unha nutrida axenda de traballo, de feito temos concertadas citas con máis de 20 contactos, entre axencias de viaxes e turoperadores. O que queremos é presentar ese Ribadeo agradable e bonito, que a xente queira escoller para vir pasar uns días, un tempo de lecer, unha fin de semana, … e que non soamente sexa durante a tempada estival senón que ademais poida ser durante todo o ano, porque ademais presenta as calidades suficientes para iso”.
A concelleira ribadense declarou que “temos, como se coñece en todo o mundo, ese punto de atracción de visitantes como é a praia das Catedrais, arredor do que xira un turismo xeolóxico, que é importante no que ademais durante este ano pasado fixemos un proxecto en colaboración con outros dous concellos, Cedeira e Burela, unha iniciativa importante neste tipo de turismo que se chama Entre arcos e cantís e que forma parte do eixo de traballo para este ano. Pero ademais do turismo xeolóxico queremos facer outra serie de propostas que presentar a Ribadeo dunha maneira diferenciadora. E ademais isto non é só que o diga eu senón que o constatan os datos que se recolleron durante o ano 2017 nas oficinas de turismo. Creo que avalan perfectamente o que acabo de dicir, ese Ribadeo como destino que elixe moita xente”.
Para Ana Martínez “son datos importantes, estamos contentos, seguimos traballando por melloralos en canto a cantidade e tamén a calidade. No ano 2017 foron un total de 114.701 persoas as que solicitaron información nas oficinas de turismo, que é unha porcentaxe pequena da xente que se achega a visitar o noso concello. Pero aínda así este dato é moi bo porque en referencia ao 2016 supón que 12.534 viaxeiros máis solicitaron información entre a oficina das Catedrais e a de Ribadeo. É certo que estes datos se concentran fundamentalmente nas dúas épocas máis importantes de afluencia turística, que son a Semana Santa e a tempada estival, que engloban aproximadamente uns 90.000 viaxeiros. Sempre a referencia fundamental está na oficina da praia das Catedrais, que aínda que nun período de tempo máis curto recibe máis visitantes. De feito a oficina de turismo do núcleo urbano de Ribadeo está aberta todo o ano, é unha das poucas da Mariña que mantén abertas as súas portas para dar información durante todo o ano e contabilizamos aproximadamente uns 50.000 viaxeiros, sendo os días máis importantes de afluencia o 14 e o 15 de agosto”.
A concelleira de Turismo, Comercio e Desenvolvemento Local indicou que “este tipo de turismo que se achega á oficina da vila de Ribadeo non se concentra exclusivamente nos períodos de verán senón que durante 7 meses acolle un fluxo de visitantes certo, menos marcado fóra desas tempadas, pero que nos permite mobilizar o turismo durante 7 meses. O punto de información da praia das Catedrais concentra, evidentemente, a afluencia turística nas tempadas estivais e Semana Santa. Este ano pasado estivo aberto durante a Semana Santa e dende o 15 de xuño ata o 30 de setembro e logo durante as fins de semana e as ponte do mes de maio e ata finais de outubro. Rexistráronse neste tempo máis de 65.000 consultas e agosto foi o período de maior afluencia, destacando o pico maior o día 9 dese mes de agosto”.
Ana Martínez seguiu a relatar que “as procedencias seguen sendo fundamentalmente nacionais, de feito o turismo principal procede de Madrid, seguido de Castela-León e tamén o turismo galego. Despois seguen as comunidades de Asturias, Euskadi e Cataluña. A nivel internacional cada vez recibimos máis turismo e destacan as procedencias de Francia, Alemaña, Estados Unidos e Italia; e tamén temos unha importante afluencia de Reino Unido e de Arxentina. Aínda así o turismo nacional supón un 88 por cento do total do turismo que chega a Ribadeo”.
Grupos organizados
A edil ribandense engadiu que “outro turismo importante, que hai uns anos non se vía e que agora case todas as semanas podemos ver pola vila, é o turismo organizado. Durante o 2017 un total de 431 grupos, o que supón 21.330 persoas, acudiron a solicitar información á oficina de turismo. Creo que este é un dato moi importante e debemos subliñalo porque supón que foron 100 grupos máis que o ano anterior. Creo que aquí debemos seguir traballando e que é froito dun proxecto polo que cada vez máis as axencias deciden presentar Ribadeo como un punto de visita organizada”.
Martínez manifestou este martes que “tamén temos o turismo do Camiño de Santiago. Ribadeo é a porta de entrada a Galicia e durante este ano pasado contabilizamos no albergue do Xacobeo que se xestiona desde o Concello de Ribadeo, que soamente ten 12 prazas, 2.300 usuarios, cun cheo practicamente a diario durante o verán. A maiores o Concello dispón en Vilela doutro albergue, de 22 prazas, que despois dunhas reformas abriu en agosto e estivo aberto ata o 31 de outubro e pernoitaron máis de mil peregrinos. Este turismo é tamén a destacar e ao que lle queremos prestar certa importancia neste 2018”.
Traballo feito
Desde a Concellaría de Turismo indican que “con todo isto desde o Concello vamos traballando sobre posibilidades de melloras. Creo que algunhas cuestións destacadas que presentamos este pasado ano foron, por exemplo, unha pantalla interactiva que se colocou diante da oficina de turismo para que o viaxeiro cando chegue poida ter información turística inmediata e durante as 24 horas do día os sete días da semana. Isto creo que é importante, porque chegar á oficina e ter a porta aberta é fundamental, pero en horario no que a oficina está pechada ter acceso a esa información creo que é tamén unha cuestión importante a destacar. Tamén había unha serie de tótems informativos que xa estaban situados, pero algúns atopábanse en malas condicións. Marcan os edificios máis emblemáticos da vila e estanse restaurando para volver colocalos sinalando eses edificios a visitar e que forman parte da historia de Ribadeo. Como tamén este ano pasado se colocaron, como unha recuperación da memoria histórica de Ribadeo, as 33 placas feitas en Sargadelos que se instalaron en diversos puntos ou edificios destacados da vila e que creo que son moi importantes para facer un percorrido explicado pola zona antiga de Ribadeo e que lle permita á xente coñecer máis ese Ribadeo que en ocasións pasa desapercibido. E ademais recuperar esa parte importante da nosa historia e quen queira ten a posibilidade de coñecela en tres idiomas a través dun pequeno folleto que se pode adquirir na oficina de turismo”.
Ana Martínez rematou a súa intervención indicando que “polo tanto creo que levamos moito traballo, o que facemos durante todo o ano nas mans das técnicas de turismo é importante salientalo. Vamos con ilusión e con moitas ganas de traballar. Á volta contaremos cal é froito que deron estas reunións en Fitur”.

Exit mobile version